A Deputación de Lugo pronúnciase contra o repagamento dos comedores escolares

Aproba cos votos de BNG e PSOE unha moción que censura o decreto da Xunta e coloca riba da mesa a privatización do servizo e o futuro repagamento do transporte escolar

photo_camera [Imaxe: SG]


A Deputación de Lugo quitou adiante unha iniciativa contra o repagamento dos comedores escolares nas escolas públicas.

Cos votos de BNG e PSOE saíu adiante a iniciativa da formación frontista que defendeu o seu voceiro, Mario Outeiro, argumentando que a medida imposta pola consellaría de Educación "carga sobre a precaria economía das familias unha parte importante do custo do servizo". Acrecentou Outeiro que o decreto da Xunta "pón en xogo o dereito á educación".

Pola súa banda, a voceira do PP, Elena Candia, arremeteu contra "o modelo do gratis para todos" e repetiu o argumento da "xustiza social" esgrimido polo propio Feijóo e dixo que "as rendas máis altas contribuirán á creación de 9.000 prazas que agora non existen". Porén, o certo é que o 44% do estudantado dos colexios públicos galegos terá que abonar unha taxa por xantar na escola, cando até o de agora este servizo era de balde para todas as crianzas que chegaban ao centro no transporte escolar. A maioría d@s nen@s do rural non pagaban polo comedor. 

Aliás, esas miles de prazas que Candia di que se van crear esisten xa. Fan parte dos comedores que hoxe xestionan as ANPAS. Malia que a Xunta di que asumirá o 60% do seu financiamento, asociacións de nais e pais subliñan a falta de concreción na medida e ven detrás dela a sombra da privatización dos comedores.

Ao fío, o BNG censurou a actitude do departamento que dirixe Jesús Vázquez e colocou riba da mesa unha sospeita que teñen xa moit@s nais e pais: que estenderá o repagamento tamén ao transporte escolar. Subliñou, así mesmo, que a intención de Vázquez en relación aos comedores escolares é "mellorar as espectativas das empresas ás que lles vai vender o servizo". 

Comentarios