A corrupción política resoa na pedra de Compostela

Sermos Galiza percorreu rúas, tabernas e garitos do casco vello de Santiago para dar voz á opinión cidadá perante a sucesión de escándalos políticos habidos nos últimos meses, co PP como protagonista.

Poucos municipios do país poden ‘presumir’ de teren unha corporación tan mediática coma é caso do goberno local da capital da Galiza. Así, a semana pasada, ben axitada, saldouse coa dimisión do concelleiro de Seguranza compostelán, Albino Vázquez Aldrey e a súa baixa na militancia no Partido Popular, após ser posto en liberdade cunha fianza de 15.000 euros por delitos de suborno, tráfico de influenzas e revelación de información privilexiada no seo da Operación Manga, bifurcación ou segunda fase da Pokémon. Amais, a xuíza decretou prisión preventiva para o ex concelleiro compostelán e antigo asesor de Conde Roa, Ángel Espadas, que tivera que renunciar o seu cargo no concello por ser sorprendido durmindo ebrio ao volante. Tamén foi decretada prisión para o delegado de Aquagest na cidade, José Luis Mínguez, quen se negou a declarar perante a xuíza instrutora do caso, Pilar de Lara e, finalmente, o cuarto dos detidos esta semana no seo do concello compostelán, o promotor musical Jesús Fuentes, ficou en liberdade sen medidas cautelares.

“O escándalo de corrupción non me sorprendeu a min pero tampouco creo que sorprendese o resto de cidadáns e cidadás de Compostela"

Non hai que retroceder moito no tempo, escasamente un ano, para atopar os albores dunha hecatombe, previsibelmente anunciada, co cesamento do alcalde Gerardo Conde Roa, imputado por delitos de fraude fiscal contra a Facenda Pública. Tampouco hai moito da eclosión dunha soada loita interna no Partido Popular da Galiza, entre o concello e a Xunta, polo nomeamento do sucesor do rexedor municipal. Recordemos que a número dous da lista do concello compostelán era Paula Prado e que, no entanto e a pesar dos esforzos de Feijóo polo seu nomeamento como alcaldesa, o trunfo foi para Ángel Currás quen, apoiado polo seu antecesor, se fixo co control da alcaldía, sendo pouco despois imputado no seo da operación Pokémon, malia o que se nega a demitir. Recordemos tamén o caso da concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, imputada en relación á súa suposta colaboración na trama de concesións municipais á empresa Vendex.

Mais, perante esta situación de ingobernabilidade, que é o que pensa a cidadanía compostelá? Nos pasados días, estas escandalosas noticias bulían, resoando entre as pedras do casco vello. Sermos Galiza estivo nas rúas, tabernas e garitos para dar voz á opinión cidadá. Sen lugar a dúbidas, a tónica reinante era a da indignación mais, entre a xente máis nova, non así a da sorpresa. “O escándalo de corrupción non me sorprendeu a min pero tampouco creo que sorprendese o resto de cidadáns e cidadás de Compostela; cando saiu Conde Roa como alcalde, moitos xa sabíamos da súa vida oculta e, no caso de Currás, tamén estaba bastante claro que non era trigo limpo”, afirma Patricia Fernández, sentada nas escaleiras da Praza da Quintana.Celia e patricia

Porén, entre o persoal de máis idade, observamos, predominaba un sentimento profundo de sorpresa. Así o manifestou un pequeno comerciante do casco antigo de 68 anos de idade que, malia non querer identificarse, convidounos a pasar ao seu establecemento após o cal pechou o local a cal e canto, non sen certo pudor, por mor de que ía “criticar” ao goberno: “Despois de estar toda a miña vida votándoos, non agardaba semellante estrago por parte do PP; estamos avergoñados dos políticos que temos”, admitiu con tristeza.

De feito, un dos temas que máis semella preocupar á xente nova é precisamente a falta de castigo electoral por parte d@s vell@s da Galiza ante @s polític@s corrupt@s: “Estou a percibir un cambio na conciencia colectiva perante a clase política, aínda que en Galiza levará tempo coa xente maior”, declara Lucía Campos dende a Praza de Cervantes. Outr@s, non obstante, son máis optimistas: “A xente de maior idade comeza a amosar unha certa solidariedade coas protestas d@s máis nov@s, estou convencido”, testemuña Oscar Quiñoy. De feito, dende unha taberna da Rúa de San Pedro, Cherry Pérez, de 65 anos, protesta: “Non vos creades que @s maiores somos tan parv@s”.

Barallando as causas e efectos dunha problemática social sen precedentes

Para Carlos Pereiro, que toma unhas cañas xunto os seus colegas nunha terraza da rúa da Raíña, o principal problema reside en que “coa lentitude da xustiza, un escándalo vai solapando outro e xa ninguén se lembra dos casos de corrupción que, malia estar sen resolver, sucederon hai un tempo”. Pola súa banda, Chus Uzal, sentada perante a Alameda, manifesta: “Os políticos deste país non están preparados para facer fronte os seus cargos porque chegan ao poder con amiguismos e non cunha carreira política que os avale”.

Para outr@s, o estalido dos numerosos casos de corrupción que estamos a presenciar relaciónanse moi particularmente co contexto actual. “Creo que foi a crise económica a que provocou este afloramento xa que, sen lugar a dúbidas, polític@s corrupt@s existiron sempre; só que, nun momento delicado como este, os partidos precisan de teren trapos sucios que destapar uns a outros, tanto por motivos electorais coma persoais”, declara Chus Uzal dende a rúa do Preguntoiro.

Pola súa banda, o rexente dun coñecido bar de tapas na Praza da Pescadaría Vella insiste en que o maior perigo desta crise política reside en que “se está a menosprezar a democracia e que, en consecuencia, os partidos de extrema dereita están a trunfar nas rexións de Europa máis afectadas pola crise, coma no caso de Grecia”. Canto isto, unha muller que tampouco quere ser identificada, engade: “É un grande problema que haxa tanta decepción c@s polític@s, xa que grazas ás campañas de confusión, a xente acaba por meter a tod@s no mesmo saco”.

Armas de defensa contra a corrupción

Se en algo coinciden todas as persoas entrevistadas, é que tod@s @s polític@s imputad@s por corrupción deberían demitir. Canto a posíbeis receitas para evitar a corrupción, algúns coma Andrea Núñez-Torrón propón o antecipo das eleccións. Pola súa banda, Armando Gottardi observa necesario “un organismo que vixiase a actividade dos concellos”. Outr@s, coma Carlos Pereiro, apostan por mellorar a comunicación entre os distintos movementos sociais para achegar forzas e unir obxectivos ou, no caso de Oscar Quiñoy, fomentar a solidariedade cidadá para as protestas na rúa non ficaren en accións “dunha minoría”. Tal e como advirte Gustavo Freire, “para o goberno é máis doado apagar as cacharelas pequenas do que un grande lume”.

Comentarios