A contabilidade do PP rexistra 20 anos de doazóns ilegais

As investigacións xudiciais confirman que o PP percibiu diñeiro procedente de empresas durante 20 anos cuxas cantidades superaban o fixado pola lei. Os achádegos confirman as anotacións do ex-tesoureiro, Luís Bárcenas. 

Sete millóns de euros entre 1990, 1993; 1996 e 2008 en cantidades que superan os 60.000 euros fixados pola lei de Financiamento dos Partidos Políticos e entregadas en metálico. Estas serían as cantidades recollidas na contabilidade achegada polo Partido Popular á xustiza após encetar as investigacións a respeito dunha suposta contabilidade ilegal no PP. 

Algunhas empresas terían superado os 250.000 euros nunha soa doazón cando a lei fixa un máximo de 10.000 por entidade e ano

Segundo publica esta quinta feira o diario español El País, as anotacións que o ex-tesoureiro popular Luís Bárcenas desenvolvera durante décadas, coinciden cunha parte importante das coñecidas hoxe, o que serviría como proba para corroborar a veracidade desa contabilidade B no PP. Malia que as doazóns son recollidas no ordenamento xurídico español como un proceso de financiamento regular, estas non poderán ser superiores aos 10.000 euros ao ano por empresa --esta cantidade foi notabelmente superada por algunhas entidas que mesmo chegaron a proporcionar ao Partido Popular dunha soa vez 250.000 euros. As aportacións procedían de empresas da construción como OHL ou Sando aínda que desde as súas direccións negan que isto sexa certo. 

Segundo o fixado na lexislación vixente até 2007 o Partido Popular podería ser sancionado co pagamento dunha multa que superaría o dobre da cantidade percibida de maneira ilegal. Aliás, de se confirmaren as sospeitas as doazóns serían entregadas en metálico o que suporía máis unha vulneración legal --segundo o disposto na norma-- estas deben desembolsarse a través dunha conta bancaria. Neste senso, a Audiencia Nacional asegurou que iniciará unha investigación sob a conta que o PP posúe no Banco Banesto.

Comentarios