Estafad@s coas preferentes falarán no Parlamento galego e en Bruxelas

Tres representantes das plataformas de Compostela, O Rosal e Tui falarán no Parlamento europeo. Terán 5 minutos para explicar o calote. Na Cámara galega, a oposición exixe a comparecencia do presidente da Xunta e d@s responsábeis polític@s que tiveron a ver na desaparición das caixas galegas


Tres representantes das plataformas de estafad@s coa comercialización de participacións preferentes e subordinadas exporán a súa situación no Parlamento europeo.

Será esta cuarta feira, día 24, cando o voceiro do colectivo de Compostela, Xesús Domínguez, explique no marco da Comisión de peticións e nos cinco minutos que lle dan para a súa intervención como se produciu esta estafa, "vendendo os produtos e ocultando as súas consecuencias" ou facendo subscritoras de participacións a persoas que non o sabían e que están a se enterar agora, ao lles notificaren a quita. 

Canda Domínguez viaxarán a Bruxelas outras dúas persoas, das plataformas do Rosal e de Tui. Canda si levarán un video de dous minutos de duración para amosar perante a Cámara os dous últimos meses de mobilizacións, narrado en galego e subtitulado en inglés. "Relataremos os apoios que temos, de concellos e de organizacións políticas e sociais" e achegarán informes da CNMV, do Valedor do Pobo, da Defensora del Pueblo ou a carta de Novagalicia Banco enviada para pedir perdón por unha operación cualificada xa de "estafa masiva".

Darán conta tamén, todo "de maneira moi condensada" dada a brevidade da intervención, cales foron as medidas adoptadas polo Goberno español: "pedir un rescate para os estafadores", en referencia ás entidades bancarias e, nomeadamente, a Novagalicia Banco; "e impoñendo quitas".

Falarán tamén na Cámara galega

O vello proverbio "se queres que algo non se solucione crea unha comisión" foi invocado polo portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera. Malia que o nacionalista facía brincadeira mentres amosaba a vontade da súa formación por deitar "blanco sobre negro" en relación co proceso de fusión e bancarización das caixas de aforro, o certo é que por norma xeral, as investigacións parlamentares non deixan bo sabor de boca. 

Pedro Puy asegurou que a comisión contará co informe elaborado pola auditora KPMG sobre a fusión das caixas 

Esta segunda feira, os grupos presentarán as propostas das que sairá o plan de traballo da comisión que investiga as caixas galegas. Entre elas, as persoas que comparecerán durante o proceso de investigación. En rolda de imprensa, BNG, AGE, PSdeG e PP adiantaron que solicitarán a presenza d@s afectad@s polo calote das preferentes. Porén, o Partido Popular fixou nunha única voz a súa proposta. 

En troca, o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, asegurou que solicitarán a comparecencia das portavocías das plataformas. Xunto a elas, as organizacións que denunciaron "as prácticas abusivas" durante a comercialización destes produtos fraudulentos e as centrais sindicais en representación d@s traballador@s das entidades.

Tamén así, a comisión de traballo deberá finalmente decidir se o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo tomará parte da relación de relatores como demanda a oposición. Segundo o portavoz popular, Pedro Puy, á comisión acudirán "todas as persoas que teñan algo que aportar aos obxectivos" da investigación mais rexeitou aclarar se Núñez Feijóo está entre ese grupo. Tamén así, desde a oposición solicitarán a presenza de todos os presidentes da Xunta, conselleir@s e ministr@s con responsabilidade política no desmantelamento do sistema financeiro galego, como tamén d@s responsábeis do Banco de España e o FROB. 

Aliás, exixirán as actas dos consellos de administración das extintas entidades e o informe elaborado pola auditora KPMG que avalou a fusión entre Caixa Nova e Caixa Galiza, documento que durante o último ano o executivo galego se negou a presentar no Parlamento de Galiza. 

Comentarios