A comisión de investigación das caixas arranca con vetos informativos

A equipa de traballo decidirá esta quinta feira que documentos serán reservados xunto con aquelas sesións que se desenvolverán a porta fechada. Deputad@s e medios de comunicación non poderán, segundo propón a Xunta, acceder ás auditorías que avalaron a fusión. Aliás, o Banco de España escudase en que é información reservada para se negar a dar os seus informes sobre as caixas ao Parlamento

A asesoría xurídica da Xunta de Galiza propón á comisión de investigación que as auditorías que avalaron o proceso de fusión e bancarización das extintas caixas sexan confidenciais. Dos perto de 30.000 folios que compoñen a documentación achegada á comisión 14 dos 34 arquivadores serán de acceso reservado polo que non poderán ser publicados nin copiados mesmo pol@s deputad@s que compoñen a equipa de traballo.

@s representantes das forzas parlamentares accederán aos  documentos --que estarán custodiados-- e non poderán facer copia deles. Tampouco os medios de comunicación poderán asistir ás sesións en que se dea conta das informacións recollidas nestas auditorías entre as que se atopa a realizada por KPMG. Así o solicitou o executivo galego, decisión que deberá ser adoptada en última instancia pola equipa de traballo da propia comisión --onde o Partido Popular posúe maioría.

A proposta achegada pola Xunta de Galiza insta a adoptar unha serie de prevencións para "garantir o carácter reservado" destes documentos polo que @s deputad@s non poderán "obter copias nin reproducións" dos informes sendo unicamente posíbel "tomar notas" sempre "en presenza da autoridade encargada da custodia".

Aliás, recolle a Xunta, a filtración destas informacións poderá carrexar a perda, entre outros, dos dereitos de asistencia e voto nas sesións, da perda de retribucións económicas ou mesmo dunha suspensión temporal da condición de parlamentar.

Comentarios