O BNG mobiliza á cidadanía en defensa dun terreo público contra un "proxecto especulativo" da dereita

O BNG reúne a centos de activistas nun acto lúdico para frear a construción de 120 vivendas nunha zona comunitaria e denuncia recortes orzamentarios na comarca.

Pontón, Jorquera e militantes do BNG, en defensa da Finca do Espiño.
photo_camera Pontón, Jorquera e militantes do BNG, en defensa da Finca do Espiño.

Xa non está a fronte do concello de Santiago, mais a sombra do anterior alcalde, Gerardo Conde Roa, é longa e ten un dos seus focos na pelotada urbanística asinada polo goberno do PP coa inmobiliaria Layetana para construíren 120 vivendas de luxo na Finca do Espiño, en terreo de uso público. Así, o BNG de Santiago organizou este sábado unha actividade reivindicativa e de lecer, na que participaron un cento de persoas, para chamar a atención sobre a necesidade de revisar o convenio asinado polo Goberno municipal coa inmobiliaria Layetana.

O portavoz do BNG no Congreso e candidato á presidencia de Xunta, Francisco Jorquera, afirmou que en Galiza e no Estado español “a crise económica é a crise dun modelo produtivo, que baseou a economía nun modelo especulativo e, en particular, a vinculada ao sector inmobiliario, fundamentada na cultura da pelotada urbanística”. “En vez de aprender das causas desta crise, en Santiago de Compostela séguese abondando neste modelo especulativo, como o que se pretende perpetrar na Finca do Espiño que hoxe vimos de denunciar desde o BNG con este acto lúdico e reivindicativo”, sinalou en declaracións aos medios ao inicio do roteiro.

De feito, a cidadanía de Compostela está a se mobilizar coa finalidade de frear esta actuación, razón pola que o BNG convocou un acto lúdico e reivindicativo este sábado ás 11.30 horas no Parque de Galeras para percorrer logo a Selva Negra e rematar cun xantar ecolóxico na Granxa do Xesto. O lema desta actividade será “Por unha finca verde no Espiño de Compostela” e está organizada para conmemorar o Día da Terra.

Segundo os nacionalistas, “a conversión dunha residencia de uso social e dun espazo de goce e de lecer para a cidadanía compostelá en pisos de luxo edificados en terreo municipal constitúe un novo episodio de especulación que lle dá ás costas á maioría das persoas que viven en Compostela que avogan pola continuidade do mantemento dos espazos naturais e pola utilización colectiva de recursos e de servizos”.

Por outra parte, o deputado nacionalista Francisco Jorquera, falou sobre os orzamentos do estado, que cre “que van provocar máis crise, porque son uns orzamentos antisociais e inxustos para a comarca de Compostela”. Segundo explicou, prodúcese un recorte, con respecto ao contemplado na Lei de Orzamentos de 2011, de máis de 100 millóns de euros.

Comentarios