A brincadeira de Feijóo: un programa para ''peservar o estado do benestar e afondar no autogoberno''

Pedro Puy di que son eses dous os eixos da proposta do candidato do PP para repetir na Xunta. Namentres, a candidatura de Pachi Vázquez para o 21-O recibiu xa o visto e prace do PSOE en Madrid

Este domingo foi xornada laboral para os candidatos á Xunta polas tres formacións políticas con representación parlamentar. Francisco Jorquera (BNG) estivo en Vigo, onde chamou ás urnas para conquerir non só un goberno capitaneado por outra forza política, senón unha verdadeira mudanza nas políticas económicas e sociais que desde el se executen.

Sobre os outros dous partidos, recollemos aquí embaixo o máis destacado das súas intervencións de hoxe: Feijóo adiantou que presentará un programa "de partido e non de goberno" após ser proclamado este sábado como aspirante ao executivo autonómico; e a candidatura de Pachi Vázquez recibiu o visto e prace do Comité federal do PSOE.

Após tres anos enterrando Galiza na lama, Feijóo fala agora de "saír da crise"
"Preservar o estado do benestar e afondar no autogoberno". Soa a brincadeira, mais son estes os dous eixos "anticrise" que este domingo trazou o coordinador do programa electoral co que Feijóo pretende seguir ocupando a Xunta, Pedro Puy, nunha tentativa de dar resposta ao que di que foi unha petición "formal" do candidato ao Goberno galego: "un programa para saír da crise, non para procurar votos".

Pola súa banda, Feijóo repetiu máis unha vez que traballará para crear emprego. Na campaña electoral de 2009 prometera xa acabar co paro en 45 días, mais semella que non o conseguiu ao se rexistraren mes a mes no país unhas cifras en tendencia ascendente até nos meses do verán, se ollamos cara aos datos de hai un ano, pechando agosto con 257.267 persoas no desemprego. Desta volta, apostou por "non subvencionar empregos que despois se destrúen ao se remataren os cartos da subvención". Defendeu a súa xestión estes catro anos, dixo que deixa unha Galiza "máis forte", coas contas "saneadas" e os servizos públicos "incrementados".

Palmada nas costas de Madrid a Pachi Vázquez
No PSOE, o secretario xeral do partido español na Galiza, Pachi Vázquez, foi ratificado este domingo como candidato á Xunta por esta formación política. En declaracións aos medios, sinalou que esta segunda feira se celebrará o comité nacional en que se aprobarán os nomes que farán parte da candidatura, co obxectivo de conquerir uns bos resultados nas urnas e trazar "unha Galiza distinta".

"A dereita está a converter as vítimas en responsábeis, quere cargarlles os problemas" a pensionistas, persoas no desemprego e estudantes, dixo o carballiñés, quen chamou a "parar a Feijóo e erguer a cabeza". Definiu a lexislatura que vén de rematar como "un sufrimento sen sentido" e animou a "dar a volta" cara ao "crecemento" a á "garantía dun estado social".

Comentarios