mércores 20/10/21
Debate do estado da nación

Puy enxalza a Xunta por dar "unha lección" de xestión sanitaria e económica

O portavoz do PPdeG no Parlamento, Pedro Puy, sinalou durante o debate sobre o estado da nación que o Executivo galego amosou a España como traballar de forma "seria e responsábel" na pandemia. Aliás gabou o traballo do equipo de Alberto Núñez Feixoo para "saír da crise" ao tempo que negou calquera acusación do BNG e o PSdeG.
O popular Pedro Puy na súa quenda de intervención no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press) #pedropuy #debatedoestadodanación #ppdeg #parlamento
O popular Pedro Puy na súa quenda de intervención no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Na súa quenda de intervención no debate sobre o estado da nación, o portavoz do PPdeG no Parlamento, Pedro Puy, amosouse "orgulloso" da autonomía da Galiza que, "co presidente Feijóo á fronte", "deu unha lección" a España de "traballo serio, coordinado, racional e responsable" para facer fronte á pandemia.

O representante popular referiuse aos "resultados da xestión sanitaria" para xustificar as súas palabras. "E todos debemos estar agradecidos, certamente aos profesionais, pero tamén aos xestores, porque Galicia sempre estivo en mellor situación que a media de España", espetou, en resposta as opinións de BNG e PSdeG.

Puy remarcou que o país é "a comunidade autónoma con menor número de falecidos por millón de habitantes" e lamentou que a líder do Bloque, Ana Pontón, estivese en contra desa reivindicación por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

Á portavoz nacionalista tamén lle afeou que chamase ao PP partido "ultra" cando o BNG pacta con ERC e Bildu. "Propoño facer un cordón sanitario a Bildu e a ERC e a todo o que eles representan", afirmou.

Entre outras cuestións, igualmente considerou oportuno censurar que "a posteriori" a oposición criticase as medidas aprobadas polo Goberno galego para o período do Nadal de 2020, cando foron "bastante máis estritas" que as ditadas polo Executivo estatal. "A virulencia sorprendeu a gobernos de todas as cores, pero se as medidas de decembro foron para o PSOE unha estratexia de salvar o Nadal como chamamos ás do Goberno de España?", interrogou sen agardar resposta.

A respecto da xestión económica

Após falar de xestión sanitaria, Puy deu paso ao capítulo da xestión económica realizada polo Goberno galego que permitiu a Galiza "resistir" mellor. "A Xunta tivo algo que ver, entre outras cousas, pola rápida mobilización de fondos propios", sinalou antes de facer un recordo ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que finou hai escasos días.

"Unha das súas últimas actuacións foi a rápida mobilización de fondos para poñer en marcha varios plans de rescate", comentou rexeitando a acusación dos grupos opositores de que Feixoo "está a facer caixa coa pandemia".

Por todo iso, considerou que a Xunta cumpriu co compromiso asumido hai un ano de "dar o mellor" de si para "saír da crise". "E comprometémonos a facelo de forma responsábel, con responsabilidade política, con responsabilidade moral e con responsabilidade intelectual", engadiu.

comentarios