Os exedís da equipa de Xácome crean Coalición de Centro Democrático de Ourense

O concelleiro Miguel Caride é o único que, polo momento, non anunciou a súa vinculación a esa nova formación política. O alcalde da cidade e líder de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Xácome, amósase convencido de que "non pasará dos 100 votos".
jácome, ourense, democracia ourensá, pleno, dimisión
photo_camera Un pleno de Ourense con todas e todos os edís, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

Os antigos concelleiros de Democracia Ourensá (DO) que denunciaran supostos movementos irregulares de Gonzalo Pérez Xácome con fondos da formación política, veñen de unirse para crear un novo partido. 

Malia que a presentación oficial está programada para a segunda feira, nesta sexta transcendeu que nun futuro inmediato representarán Coalición de Centro Democrático de Ourense, coas siglas CCD.

Os chamados "tránsfugas" polo tamén alcalde da cidade Gonzalo Pérez Xácome, que forzou ou invitou á desvinculación de DO ás concelleiras e concelleiros xa hai moitos meses, formaron un novo partido co que posibelmente concorran aos próximos comicios municipais.

Cando Xácome e o seu socio de Goberno, o PP, continúan a sumar protestas, esta nova iniciativa aproveita para irromper no espazo político da terceira urbe da Galiza en número de habitantes.

Segundo avanzou Europa Press, CCD xorde a través dunha xestora que coordinará José Manuel Palacios, un dos ex asesores do rexedor. Ademais, o asesor que denunciou Xácome por considerar improcedente o seu despedimento, Bruno Blanco, encargarase da comunicación.

No que se refire ás propias edís, Manuel Álvarez exercerá como tesoureiro da organización e María Dibuja e Maite Rodríguez entrarán como afiliadas.

O máis coñecido do grupo de concelleiros non adscritos, Miguel Caride, non se pronunciou de momento sobre o seu posíbel achegamento á Coalición de Centro Democrático.

O que si fixo alusión a este nacemento foi o propio Xácome, que aseguro: "É unha excelente noticia porque todos necesitamos noticias de humor". Así mesmo, augurou que "non pasarán dos 100 votos".

Comentarios