O BNG do Condado denuncia que os resultados electorais en Mondariz-Balneario son “fraudulentos”

O BNG afirma que hai “evidencias” de que se inchou o censo con persoas que non viven nel habitualmente e que outras empadroadas non puideron votar. O 26M o PP gañou por só 3 votos de diferenza.

mondariz balneario
photo_camera Edificio do concello de Mondariz-Balneario

O BNG de Condado Paradanta anuncia que prepara unha reclamación formal diante do Instituto Nacional de Estatística (INE) por “irregularidades na elaboración do censo electoral en Mondariz Balneario”. A fronte nacionalista considera que houbo irregularidades co censo electoral e que iso puido afectar ás elección do 26M. Na propia xornada electoral presentaron reclamación perante a Xunta Electoral de Zona de Ponteareas, mais desestimouse por non ter esta competencias na confección do censo, “deixando constancia de que varias persoas que estaban correctamente empadroadas, en prazo para formar parte do censo de electores, non puideron votar por non estaren incluídas no censo electoral”.

O BNG asegura que “hai evidencias tamén da inclusión no censo electoral de Mondariz Balneario de múltiples persoas que non teñen na localidade nin o seu domicilio habitual, nin o ocasional, nin propiedades, nin relación familiar, nin actividade económica algunha” neste municipio e que si que puideron exercer o dereito a voto.

Para a formación nacionalista é “escandaloso” que nun concello como Mondariz Balneario, con pouco mais de 600 persoas inscritas, formado por só unha parroquia e con só 2 quilómetros cadrados de extensión, “consten incluídas no censo un significativo número de persoas que non cumpren a primeira condición para estalo, sen que o concello como entidade responsábel detecte esa fraude. Mentres, o propio concello exclúe persoas que teñen toda a lexitimidade para estar no censo electoral, por omisión da comunicación ao INE”.

Nas pasadas eleccións a lista encabezada por José Antonio Lorenzo (PP) tivo 3 votos máis que a do BNG, encabezada por César Gil, (236 fronte a 233).

Comentarios