O BNG conmemora 90 anos do Partido Galeguista: "O nacionalismo é a esperanza do pobo galego para termos futuro"

O BNG celebrou este 6 de decembro en Pontevedra un acto de homenaxe e conmemoración do 90 aniversario da fundación do Partido Galeguista, nacemento do nacionalismo político organizado.
Marta G. Martín, Miguel Anxo F. lores e Ana Pontón no 90 aniversario do Partido Galeguista.
photo_camera Marta G. Martín, Miguel Anxo F. Lores e Ana Pontón no 90 aniversario do Partido Galeguista.

"O BNG é o Partido Galeguista do século XXI, vimos de lonxe e imos chegar aínda máis lonxe", proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras remarcar que se ben o mundo cambiou de forma notábel ao longo destas nove décadas, hai algo que non mudou: "A necesidade do nacionalismo para Galiza, que precisa máis que nunca forzas políticas coas mans libres para defender os seus intereses".

A líder do BNG foi a encargada de clausurar o acto 'Galiza, unha nación viva' no que tamén participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mais a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez Martín.

A cerimonia deu comezo co himno do antigo Reino da Galiza e serviu para reivindicar unha Galiza con futuro mai o "legado vangardista", dixo Lores, de persoas como Castelao e Bóveda, e con eles, engadiu Ana pontón, unha "equipa de primeira" como  os irmás Vilar Ponte e Suárez Picallo, Victor Casas, Johan Carballeira, Ánxel Casal ou Otero Pedraio. 

Pasado e futuro feminista

Mais tamén ilustres mulleres, que a portavoz nacional do BNG quixo reivindicar de forma expresa, como Amparo López, María Miramontes, Elvira Bao, Micaela Chao, Antonia Pardo, Virxinia Pereira, Antonia Pardo, Amalia Álvarez, Ernestina Otero e tantas outras. “Porque elas foron, somos. E porque somos, o futuro de Galiza será feminista, ou non será”, proclamou a líder nacionalista. 

Pontón salientou a necesidade dunha forza "coa cabeza e co corazón" no país, capaz de frear un centralismo "que se estende como mancha de chapapote, viscosa e contaminante, para tapar a realidade dun Estado que é plurinacional, pluricultural e plurilingüe", destacou. 

Pontón destacou o proxecto transformador e modernizador do Partido Galeguista co Estatuto do 36 como punto de partida que incluía o recoñecemento nacional da Galiza ao mesmo nivel que Euskadi e Catalunya.

"Galiza é unha nación viva e o BNG un nacionalismo liberador", subliñou Pontón, e iso, dixo, é o que conmemorou o BNG no acto de Pontevedra, "non a Constitución que blinda a impunidade dunha casa real corrupta, nin a que nega a plurinacionalidade e impón un centralismo letal, nin a que apuntala unha democracia de baixa calidade trufada de portas xiratorias, de corrupción institucionalizada e de control partidista dos órganos xudiciais", argumentou. 

Disputarlle a hexemonía ao PP

Como contrapunto, sinalou o BNG herdeiro do Partido Galeguista, que encara un novo ciclo político co reto de liderar a Presidencia da Xunta, "porque somos un proxecto gañador e imos disputarlle a hexemonía ao PP como xa fixemos en Pontevedra, indicou Pontón, un reto que require, de toda a humildade, intelixencia colectiva e de toda a ambición". "O nacionalismo é a esperanza do pobo galego para termos futuro", recalcou.

"Imos construír unha Galiza en grande que deixe atrás a Galiza en pequeno que nos lega o PP de Feixoo, porque o BNG ten confianza no país, no seu potencial e sabemos cara onde queremos camiñar".

Referiuse Pontón a unha Galiza "máis xusta", con servizos públicos fortes, á vangarda na loita contra a emerxencia climática, con base na ciencia e na innovación, con oportunidades para a mocidade, feminista, internacionalista e solidaria.

Ademais, reiterou a demanda dun novo "status político de nación" e autonomía financeira para Galiza, que pasa por ter aquí a chave dos nosos cartos. 

Comentarios