86 por cento das inscritas de Podemos votaron a prol de manter a alianza coas mareas

Das tres cidades con alcaldías rupturistas a que tivo un maior grao de respaldo para a fórmula actual -integración nunha marca consolidada sen aparecer as siglas de Podemos- foi Compostela. 

Carmen Santos Beiras En Marea
photo_camera Carmen Santos, con dirixentes de formacións aliadas

En Compostela 89,33 por cento das persoas inscritas votaron a favor da continuidade da fórmula Compostela Aberta, face 10,67 por cento que se pronunciou a prol de Podemos se apresentar en solitario. Na Coruña o apoio ao mantimento da alianza coa Marea Atlántica é levemente inferior: 86,30 por cento face 13,70.

En Ferrol o respaldo xa baixa algo máis, 79,86 por cento, face 20,14 das persoas partidarias de o partido morado ir en solitario ás urnas nas locais de 2019.

No conxunto do país -e segundo dados disponibilizados polo gabinete de imprensa de Podemos- 86 por cento responderon afirmativamente a pergunta formulada no referendo. Ou sexa, votaron a favor de ir en coligazón con outras forzas rupturistas nos concellos, na maior parte dos casos coa denominación Podemos na papeleta, salvo nos casos en que -como Compostela, A Coruña ou Ferrol- existir xa unha "marca consolidada" (Compostela Aberta, Marea Atlántica ou Ferrol en Común).

Nun comunicado, Carmen Santos, secretaria xeral do partido morado, afirma que a cúpula da organización na Galiza traballará en "tecer alianzas de unidade coas forzas irmás e apoiando as alcaldías que xa nos devolveron a dignidade fronte á corrupción do PP".

Comentarios