85 por cento das inscritas piden a demisión de Quinteiro cunha participación de 40 por cento

Paula Quinteiro debe renunciar ao seu cargo após o seu xa célebre episodio coa policía local compostelá. Así o pensa a esmagadora maioría das bases de En Marea que tomaron parte na consulta promovida pola dirección da confluencia, contra o criterio da maioría do grupo parlamentar. Na consulta votou 40 por cento do censo, 928 persoas. 85 por cento delas a prol da demisión de Quinteiro.

Paula Quinteiro. Deputada de En Marea. Anticapitalistas. 6 de febreiro de 2017
photo_camera Paula Quinteiro.

O resultado da consulta é incontestábel: 790 votos a prol da demisión da parlamentar, apenas 135 en contra. En percentaxes, 85 face o 15 por cento.

Nun comunicado enviado aos meios ao fío das 00.56 horas desta quinta feira, a confluencia pon en destaque que a participación no referendo ten sido superior "a outras consultas previas", en alusión á realizada hai un ano para determinar se En Marea apoiaba ou non a moción de censura a Raxoi formulada por Podemos.

"Esta resolución [o resultado da consulta] seralle comunicada á deputada para que obre conforme ao código ético de En Marea e aos seus principios fundamentais que depositan o poder nas bases. O Consello das Mareas avaliará conxuntamente estes resultados na súa vindeira xuntanza", afirma a organización no comunicado.

E agora? Ben, a dirección -que invoca os estatutos- xulga que o resultado da consulta é vinculante, mais Quinteiro ten dito por activa e por pasiva que non considera lexítimo o procedimento e que, por tanto, non ía recoñecer o seu desenlace. Quinteiro non vai demitir e ten o apoio dos sectores críticos da confluencia (a Anova oficial, Esquerda Unida, Podemos e marés locais como a atlántica ou Compostela aberta). A crise, por tanto, non só non se resolve con este referendo interno, senón que mesmo entra nun novo estadío. Ninguén a día de hoxe, nen crítico nen oficialista, é quen a predicer como e cando o partido instrumental dará saído do labirinto.

A oposición a Villares argumentará que as asinaturas recollidas polo manifesto @CoidandoUnidade -838- superan os votos emitidos a prol da demisión de Quinteiro -790. Desde a dirección de En Marea contra-arguméntase que o texto crítico foi referendado até por conselleiras do PP, isto é, por idéntidades falsas, o cal deitaría dúbidas sobre a autenticidade dos respaldos á parlamentar de Podemos-Anticapitalistas.

Nota: na redacción orixinal desta noticia partiuse dun dado non actualizado sobre o número de asinaturas do manifesto Coidando a Unidade, polo que a peza foi corrixida.

Comentarios