71 concellos galegos carecen de biblioteca

Críticas aos recortes da Xunta en bibliotecas que deixan Galiza cara á cola no Estado en investimento por habitante. O BNG insta o Executivo a apoiar estes servizos e o sector do libro.

Fecharon 16 bibliotecas nas Galiza nos últimos cinco anos (Foto: Europa Press)
photo_camera Fecharon 16 bibliotecas nas Galiza nos últimos cinco anos (Foto: Europa Press)

Os datos sobre bibliotecas publicados nesta semana polo Ministerio de Cultura, correspondentes ao ano 2019, "deixan en evidencia os discursos ficticios da Xunta", dixo esta quinta feira, 12 de agosto,  a portavoz de Cultura do BNG no Parlamento galego, Mercedes Queixas, que aproveitou para instar a Xunta a apoiar o sector do libro e da lectura.

Desde o Bloque cualifican como "negativos" os datos do Ministerio "porque en todos os parámetros a Galiza fica por baixo da media estatal". Así, Queixas enumerou cifras como a de 71 concellos da Galiza sen biblioteca "nin ningunha outra fórmula que poida suplir esta carencia", o fechamento de 16 bibliotecas nos últimos cinco anos ou o gasto de 8,95 euros por habitante fronte á media estatal de 10,55 euros. De feito, Ceuta inviste 18,75 euros, Catalunya gasta uns 16,36 por habitante e Euskadi chega aos 15, 68 euros. “Estamos na quinta posición comezando pola cola”, lamentou Queixas.

Tamén aludiu a nacionalista á redución de investimento na Galiza, cuns 30.000 documentos menos adquiridos que en 2015. Todo iso, concluíu, vese reflectido nunha baixada no número de visitas, de persoas usuarias que se dan de alta e de préstamos.

Para a deputada, as bibliotecas públicas son algo máis que o lugar en que se expoñen libros nos andeis, son lugares “vivos” que deben garantir o acceso á cultura para toda a cidadanía.

Sobre a dotación do persoal nas bibliotecas afirmou que, na Galiza hai un bibliotecario ou bibliotecaria por cada 4.950 habitantes ,cando a media no Estado español é de 4.223, e desde o ano 2015 “máis de 70 persoas” perderon o emprego nas bibliotecas públicas galegas.

Con estes datos, a nacionalista asegurou que  “o PP do goberno de Feixoo consegue todas as medallas de ouro ao desleixo, ineptitude e incapacidade” para desenvolver un proxecto vertebrado da rede de bibliotecas públicas, tanto nas de titularidade galega como nas que dependen dos concellos”. Neste sentido, Queixas instou á Xunta a que cumpra cos seus compromisos recollidos no Plan de dinamización da lectura e a desenvolver as leis do Libro e Bibliotecas.

Tamén exixiu á Xunta que cumpra cos seus compromisos, como o anunciado no ano 2018 incluído na Estratexia da Cultura Galega, “o Plan de dinamización da lectura”.

Comentarios