sábado 18.01.2020

Sánchez: "Durante os 7 anos de Goberno de Raxoi, comportouse como un obediente militante do PP"

Antón Sánchez debutou como portavoz nun debate sobre o estado da nación en representación do grupo Común da Esquerda e puxo o foco no fracaso da Xunta na protección do territorio e na corrupción do PP. 
Antón Sánchez, esta cuarta feira no Parlamento.
Antón Sánchez, esta cuarta feira no Parlamento.

O deputado de Anova sinalou unha das claves do poder popular na Galiza. “A manipulación mediática é a peza central do seu Goberno”, explicou Sánchez. “Todo é propaganda. Propaganda fronte a realidade. Todo para agochar a corrupción, os problemas internos do seu partido e, cando é preciso, aplicando a represión sobre xornalistas e medios”.

Sánchez atacou as políticas públicas máis discutidas do goberno. “Os expertos din que hai que facer todo o contrario do que fan no tema dos lumes e forestal. Vostedes defenden os intereses de ENCE e dos grandes poderes", indicou. "Tamén no tema eólico facendo leis a medida dos privilexiados”.

Antón Sánchez falou de saqueo, estafa, espolio, precariedade... e corrupción. O deputado de Anova foi especialmente crítico co desleixo dos recursos naturais por parte da Xunta e asegurou: "Hai empresas que se amparan no seu Goberno para espoliar o país".

"Fala do Estado só cando lle convén", interveu na disputa de Feixoo con Pedro Sánchez, "pero durante os 7 anos de goberno de Raxoi comportouse como un obediente militante do PP, nunca dixo nada".

Entre o público, escoitando a Antón Sánchez, estiveron Xosé Manuel Beiras, os exalcaldes de Santiago e A Coruña, Martiño Noriega e Xulio Ferreiro; e o líder de Podemos Galiza, Antón Gómez-Reino.

comentarios