68,85% de votantes CERA con dereito a sufraxio na Galiza non naceron no país

A recente reforma da Lei electoral suprime as garantías de transparencia asociadas ao voto rogado. A decisión vai ter un impacto significativo nos resultados electorais na Galiza ao representar as persoas inscritas no CERA 17,5% das que teñen dereito a voto, chegando en circunscricións como Ourense a 28,7%.
Distribución de votantes CERA por Estados de residencia e circunscrición. A porcentaxe indica o seu peso no censo CERA da Galiza. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Distribución de votantes CERA por Estados de residencia e circunscrición. A porcentaxe indica o seu peso no censo CERA da Galiza. (Infografía: Nós Diario)

O pasado 21 de setembro as Cortes do Estado aprobaron, definitivamente, suprimir o voto rogado para os residentes ausentes, isto é, aquelas cidadás e cidadáns que viven fóra do Estado español pero dispoñen desa nacionalidade.

A proposta contou co voto favorábel de todos os grupos políticos con representación no Congreso e no Senado, agás o BNG, que se abstivo ao entender que o novo modelo non ofrece "as garantías mínimas de limpeza e transparencia". Precisamente, as emendas formuladas por esta formación para que os inscritos do CERA acreditasen a súa identidade antes de votar foron rexeitadas.

O final do voto rogado no Estado español

A nova lexislación electoral significa volver á normativa vixente até 2011, obxecto durante moitos anos de múltiples críticas polas súas irregularidades e falla de garantías. Aos diversos casos de cidadáns falecidos que emitiron o voto, sumáronse a desaparicións de sacas cargadas de sufraxios en edificios consulares ou do servizo de correos.

En 2007 a propia Xunta da Galiza recoñeceu que 30% de galegas e galegos estaban inscritos de maneira irregular no Censo de Residentes Ausentes (CERA), que agrupa os cidadáns orixinarios da Galiza censados fóra do país pero que teñen adquirida a nacionalidade española.

469.917 persoas inscritas no CERA

A nova normativa permitirá votar sen necesidade de identificarse e sen someterse ao control das autoridades electorais a 469.917 persoas inscritas no CERA como orixinarias da Galiza. Malia que a situación non é homologábel dentro do colectivo e a súa vinculación co país é diferente: só 146.423 naceron na Galiza, concentrándose a porcentaxe máis importante destes últimos en Europa, que agrupa a emigración máis recente. Porén, o groso das persoas residentes no estranxeiro con dereito a voto viven no continente americano, sumando en toda esta área 357.476 cidadáns.

As persoas inscritas no Censo Electoral de Españois Residentes no Estranxeiro, dependente do Instituto Nacional de Estatística (INE), con dereito ao voto na Galiza representan 17,5% do conxunto do corpo electoral galego. Porén, esta porcentaxe chega a 28,7% do censo na circunscrición de Ourense e a 20,2% na circunscrición electoral de Lugo, situándose en 14,9% na circunscrición electoral da Coruña e Pontevedra. Así, a Galiza supera en electores CERA o resto dos territorios do Estado, colocándose tras ela Asturias, con 12,7%, e Castela e León, con 8,1%, sendo, por conseguinte, onde máis influencia teñen no resultado electoral final os sufraxios dos denominados residentes ausentes.

Arxentina e Cuba

O número de votantes CERA na Galiza é de 469.917 persoas, sendo maior que o censo total da circunscrición de Ourense, composto por 356.868 habitantes, e da circunscrición de Lugo, formado por 339.614 cidadáns. Só Arxentina, onde a emigración galega rematou nos anos finais da década dos 40 do século XX, conta con 167.556 residentes con dereito a sufraxio na Galiza, superando esta cifra a poboación de cidades como Ourense, Lugo, Compostela, Pontevedra ou Ferrol. Pola súa parte, Cuba, que recibiu as últimas remesas de emigrantes a finais dos anos 20, rexistra 44.623 votantes CERA, un número maior ao censo de todas as localidades galegas, agás as sete cidades.

Medre do censo

Os Estados con maior número de cidadáns e cidadás con dereito a voto na Galiza son Arxentina, Cuba, Brasil e Uruguai. O primeiro rexistra 35,66% dos votantes CERA, o segundo 9,50%, o terceiro 9,38%, con 44.085 persoas, e o cuarto 7,72%, con 36.278. Son precisamente estes países onde máis se ten incrementado o número de persoas inscritas no Censo Electoral de Españois Residentes no Estranxeiro.

Así, mentres en 1993 os votantes CERA representaban 4,6% do corpo electoral galego e en 2008 supuñan 12,4% do censo de residentes ausentes, en agosto de 2022 representaban o 17,5%.

A dualidade electoral nas urnas

A nova normativa electoral acordada polas Cortes do Estado volve incrementar a influencia dos residentes no exterior no resultado final dos diversos comicios na Galiza. Neste sentido, o politólogo Manuel Anxo Baz advirte da distorsión entre os votos da Galiza e os procedentes do exterior.

Comentarios