6 de decembro: que as redes sociais reborden cun "si á soberanía"

Na data de conmemoración da constitución española, diferentes organizacións e colectivos chaman a actos e iniciativas para evidenciaren o carácter nacional de Galiza e reclamaren os seus dereitos colectivos como pobo. O BNG organiza nas redes sociais unha "manifestación virtual" a prol da soberanía. O hashtag,  #soberaniaGZ
bng
photo_camera bng

Esta quinta feira, 6 de decembro, está marcada no Estado español como feriado para celebrar a constitución española. Mais na Galiza, esa data vai ser aproveitada para reivindicar o carácter nacional de Galiza e o seu dereito colectivo como pobo. "Nada que celebrar" son algunhas das palabras protagonistas do día, incidindo en que, como pobo, a CE de 1978 nega importantes dereitos.

O BNG realizou un acto simbólico na Alameda de Compostela ás 11:30 para manifestar "que esta constitución non nos representa e, por tanto, no BNG reivindícase a soberanía de Galiza e, e nesta xornada non temos nada que celebrar". A esta cita acudiu o voceiro nacional da formación frontista, Guillerme Vázquez, e o portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, para alén de representantes da fronte nacionalista, militantes e simpatizantes.

“A soberanía das nacións, a democracia e os dereitos das clases populares non atopan amparo nesta Constitución”, sinalou Vázquez, que afirmou, neste sentido, que “hoxe, 34 anos despois, nada temos que celebrar e si moito que reivindicar: a soberanía, a democracia, os dereitos que non atopan abeiro nin protección nesta constitución”.

Experiencia novidosa

Aliás, o BNG realiza unha experiencia novidosa na internet consistente nunha manifestación virtual en que se trata de expresar nas redes sociais con distintas ferramentas esa mesma idea: reivindicarmos a soberanía. "Deste xeito, a través das distintas redes sociais, todas aquelas persoas que queiran participar nesta manifestación utilizarán diversos formatos (escritos, gráficos, audiovisuais, etc) para manifestaren a mesma idea. #soberaniaGZ é o hashtag.

Pola súa banda, Galiza Nova realiza un acto na Coruña, en que mesmo se repartirán DNIs galegos, para reivindicaren Galiza como nación. Organizacións como Nós-Unidade Popular e Causa Galiza emitiron comunicados para rexeitaren a celebración desta data e reivindicaren o dereito de autodeterminación. Estes comunicados poden lerse aquí e aquí. Tamén a AMI publicou un comunicado, así como Isca. No que atinxe a Nós-UP, ao longo da xornada desenvolveon diversas accións contra a monarquía española e pola independencia.

Comentarios