50 perguntas e 50 argumentos para saber por que a Galiza lle convén ser soberana

O Centro Sociocultural das Fontiñas acolleu esta cuarta feira a apresentación dun número especial do Terra e Tempo, a publicación que edita a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas.

Presentación do TT
photo_camera Un momento da presentación do volume

Trátase dun monográfico intitulado 50 perguntas, 50 argumentos para a soberanía da Galiza. A entidade editora da publicación avanza, en nota de imprensa, que o volume ten por finalidade “dotar de argumentos aos cidadáns que queren unha Galiza independente nun momento de máxima caricaturización e demonización dos nacionalismos”.

Salienta aínda a Fundación Bautista Álvarez que a saída do prelo deste monográfico “coincide tamén coa celebración do 50 aniversario da Unión do Povo Galego, o partido con máis historia e lonxevo de Galiza".

Rego, Pontón e Cela concordaron en enfatizar que algo se está a mover neste momento en Europa e no Estado

Por volta de 100 persoas asistiron á presentación deste traballo, coordenado por Rubén Cela. No acto estiveron tamén presentes Néstor Rego, secretario xeral da Unión do Povo Galego, e Ana Pontón, deputada do BNG no Parlamento de Galiza e autora dun dos textos.

Escreben ao longo das súas páxinas persoalidades relevantes do nacionalismo galego como Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Xavier Vence, Pilar García Negro, Néstor Rego ou Alfredo Suárez Canal. O volume, salienta a editora, está estruturado como “unha análise, por eidos competenciais e temáticos, que dá resposta ás preguntas que xorden á hora de abordar un proceso de autoorganización do pobo galego”. 

Rego, Pontón e Cela concordaron en enfatizar que algo se está a mover neste momento en Europa -referendo en Escocia, reunificación de Irlanda, hipotética independencia de Flandres- e tamén no Estado, co proceso catalán cara á consulta do 9-N, a crise da monarquía e do réxime do 78 e os novos pasos do nacionalismo vasco cunha clara orientación autodeterminista. 

Nese contexto a pregunta inevitábel é: que rol lle agarda a Galiza nesta historia? A contestar esa cuestión, talvez a nai de todas as cuestións, vai dirixido boa parte do volume.

Comentarios