A formación impulsada polo que fora secretario xeral do PSdeG Manuel 'Pachi' Vázquez, Espazo Común, pechou un acordo de coalición para as eleccións autonómicas con Recortes Cero e Os Verdes para a provincia de Ourense.
Diso informou a organización nun comunicado, no que destaca que se afianza "con paso firme" o proxecto lanzado por Espazo Común para pelexar porque a provincia de Ourense teña presenza e capacidade de defender os seus "pisados dereitos".
"O obxectivo é claro: que, como mínimo, 10.000 dos 300.000 habitantes da provincia tomen conciencia de que é xa tempo de que Ourense decida", subliñan a organización fundada por Pachi Vázquez.
Así mesmo, destaca que este acordo busca "formar unha fronte o máis ampla posible" para conseguir este obxectivo. "É por iso que cremos que a conxunción do coñecemento do territorio e a defensa innegociábel da Galiza máis desfavorecida de Espazo Común, xunto coa forza ideolóxica de progreso, reequilibrio de recursos e defensa da contorna natural das organizacións Recortes Cero e Os Verdes, encaixa de forma perfecta para axuntar esforzos de cara a esta convocatoria electoral", indica.