venres 29.05.2020

44% das galegas, a favor dun referendo de saída da UE

A Galiza, Euskadi, Catalunya e Asturies rexistran o maior número de apoio á realización dun referendo de saída da Unión Europea. 

44% das galegas, a favor dun referendo de saída da UE

A realización dun referendo sobre a saída da Unión Europea concita na Galiza 44,1% de apoio popular. Así o amosa un novo estudo demoscópico elaborado polo portal Electromanía, con preguntas realizadas entre o 26 e o 28 de marzo a 1.350 persoas no Estado español. 

A Galiza é onde máis apoio atopa no Estado a idea de convocar un referendo de saída da UE, xunto a Euskadi (46,8%), Catalunya (42,3) e Asturies, que ficaría no primeiro posto sendo ademais o único territorio onde esta sería a opción maioritaria, alcanzado 52,2%. 

Onde menos persoas queren un referendo sobre a saída da Unión Europea é nas Illes Balears, no arquipélago das Canarias, na Rioxa, en Andalucía, na Comunidade de Madrid e en Murcia. 

Sobre a pertenza á Unión Europea

Na Galiza, 62,3% da poboación aproba pertencer á Unión Europea, moi por debaixo dos valores rexistrados nas Illes Balears e nas Canarias, que se sitúan en 80%, así como en Madrid e Castela e León, que rondan  o 70%.  

Os valores máis baixos de adherencia rexistrados no Estado están, alén de na Galiza, en Euskadi (60,7%) e Asturies (57,2%). 

A nivel do Estado, de realizarse na actualidade unha consulta popular para decidir se saír da Unión Europea ou non, 69,1% das persoas votantes optarían por manterse na UE, mentres que 22,3% optaría por abandonala e 8,5% di que non sabe ou prefire non responder. 
O electorado de Ciudadanos a nivel estatal é o máis partidario da UE (87,6%), seguido do votante do Partido Socialista (86,5%) e do Partido Popular (77,1%).  

comentarios