Política

40 empresas ofrécense á Xunta para fabricar material sanitario na Galiza

O presidente galego informa da compra de 7,4 millóns de máscaras, 625.000 batas de alta protección e 21.920 botellas de solucións desinfectantes após a reunión do Consello da Xunta. 
Reunión do Goberno galego (Xunta).
photo_camera Reunión do Goberno galego (Xunta).

Unhas 40 empresas trasladaron a súa disposición para fabricar material sanitario na Galiza á Xunta, que adquiriu 7,4 millóns de máscaras, 625.000 batas de alta protección e 21.920 botellas de solucións desinfectantes, segundo salientou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión do seu Executivo, que a pasada semana aprobou unha liña de axudas con 10 millóns de euros para apoiar ás industrias que opten por producir estas equipacións.

"O sector téxtil e da confección empezou a fabricar 12.000 batas médicas e hai seis empresas neste momento ao dispor desa fabricación", manifestou Feixoo, que informou de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) pediu á industria a fabricación de mandilóns sanitarios impermeábeis e de que tamén hai ofertas para a produción doutros materiais como pantallas protectoras.

Na súa comparecencia, ademais, Feixoo deu conta da posta en marca dun comité de fabricación de equipamento sanitario, que coordinará a realización destes materiais. "Ten como obxectivo identificar os estándares de calidade e seguridade mínimos", explicou o titular da Xunta, que detallou que este órgano estará integrado por persoas das consellarías de Economía, Sanidade e Política Social, entre outras.

Máis equipos de protección individual

Como xa avanzara esta quinta feira na súa intervención na Deputación Permanente do Parlamento, Feixoo trasladou que o Consello autorizou un expediente por 6,7 millóns de euros para pagar o material sanitario xa comprado e "habilitar crédito" para o que se "segue comprando".

Por outra banda, Feixoo dixo que "quere entender as dificultades" do Goberno do Estado na compra de material sanitario, despois de coñecerse a adquisición de miles de test rápidos para a detección do coronavirus que eran defectuosos. "Hai que seguir intentando con toda intensidade comprar test e tamén digo que o mercado está  complicadísimo, nada se pode dar por feito até que teñamos os test nos respectivos hospitais", asegurou.

Preguntado sobre se Galiza chegou a recibir parte da remesa de test defectuosos, Feixoo respondeu que "non lle consta". De momento, segundo explicou, os hospitais galegos operan cunhas probas "máis rápidas" que os PCR tradicionais e que reciben "non a través do Ministerio, senón a través de laboratorios" cos que a Xunta ten unha relación contractual "desde sempre".

Ordenadores para alumnado "con menos recursos"

O Consello da Xunta tamén trasladou esta sexta feira a compra de 1.000 ordenadores que destinará a aqueles alumnos de familias "con menos recursos" para que poidan seguir as clases de virtuais mentres dure a crise do coronavirus. Por iso, avanzou, estes equipos contarán con conexión a internet gratuíta.

O presidente galego abundou que tamén se habilitará para os docentes unha plataforma de videoconferencias coas que poderán interactuar cos estudantes e "impartir as clases en tempo real" e que os contidos da ferramenta EDixgal estarán "abertos para toda a comunidade educativa", é dicir, para uns 95.000 alumnos de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Secundaria. Antes, explicou Feixoo, só estaban dispoñíbeis para o alumnado con "computadores financiados con fondos públicos".

Suspensión dos contratos pendentes

Así mesmo, a Xunta da Galiza acordou suspender os contratos de servizos e subministración que non se poidan levar a cabo polas restricións derivadas da crise do coronavirus, mais avanzou que esta decisión non implicará a súa cancelación.

Segundo afondou o presidente galego, desta suspensión quedarán excluídas as contratacións que non estean afectadas pola situación e aquelas que son "indispensábeis" para o "interese xeral" e o funcionamento dos servizos, nas que a Xunta exixirá "celeridade".

Ademais, Feixoo referiuse a que "parar toda a construción" do Estado con "carácter xeral" sería unha "decisión incorrecta" e apostou por manter esta actividade coas medidas de seguridade e saúde adecuadas.

"Con carácter xeral, parar toda a construción no noso país entendo que é unha decisión incorrecta. Iso si, a que se manteña ten que ser de acordo cos criterios de seguridade e saúde laboral da empresa, dentro do contexto do criterio de seguridade e saúde laboral que marcou o Goberno", argumentou.

Comentarios