35 millóns menos para a sanidade nos orzamentos da Xunta de 2014

Após coñecer as contas da consellaría que dirixe Rocío Mosquera, a deputada do BNG Montse Prado acusou o Goberno de Feijóo de deixar as persoas con menos recursos en mans "da beneficiencia".

prado
photo_camera [Imaxe: arquivo SG]


Desde que o PP chegou á Xunta a atención primaria recibiu 267 millóns menos. O PP leva cinco anos afirmando que de cada 10€ oito son investidos en gasto social. Porén, e tal e como denunciou o BNG, non se inclúe o orzamento consolidado, onde a sanidade pública perde 34,7 millóns a respeito de 2013. 

Foi a deputada nacionalista Montse Prado quen acusou a Xunta de estabelecer "un imposto á enfermidade" deixando as persoas con menos recursos en mans "da beneficiencia". Así se manifestou a nacionalista após a presentación dos orzamentos da consellaría de Sanidade para o ano 2014. Entende Prado que as contas do departamento que dirixe Rocío Mosquera "non están ao servizo da sanidade pública" e que onde o PP ve "aforro" o Bloque ve "roubo".

Segundo a parlamentar da formación frontista, cos continuos recortes que no sistema de saúde pública aplica o Goberno galego o que se perseguen son dous obxectivos: dunha banda "descapitalizar a sanidade pública" e da outra "ocultar o déficit que lle impón Madrid e Bruxelas". Destacou Montse Prado que os orzamentos están feitos "para que os doentes se aseguren na privada".

Comentarios