ESTáN AS “IMPRESCINDíBEIS” PARA O PAíS, DEFENDE DE TORO

340 nomes da cultura apoian Nós, Candidatura Galega para as xerais

Un total de 340 nomes de persoas relacionadas con todos os eidos da cultura asinaron un manifesto de apoio a Nós, Candidatura Galega que foi presentado na mañá deste sábado en Compostela. Falamos con Suso de Toro, candidato da coligazón e redactor do manifesto.

NOS CULTURA
photo_camera NOS CULTURA

A praza do Toural de Compostela acolleu esta mañá un acto de presentación do manifesto asinado por 340 nomes representativos da cultura do país en apoio a Nós, Candidatura Galega. Entre as persoas asinantes atópanse representantes do mundo do libro, como Francisco Pillado, Agustín Fernández Paz, Bieito Iglesias, Mercedes Queixas, Marta Dacosta, Marica Campo, Xavier P. Docampo, Anxos Sumai, Xavier Queipo ou Ledicia Costas; así como da música, Alonso Caxade, Guadi Galego, Ugia Pedreira, Tino Vaz, Xurxo Souto, integrantes dos grupos Quempallou e Nao ou de Das Kapital, entre outras sinaturas. O eido da ilustración está representado no manifesto por Kiko da Silva, Pepe Carreiro ou Xosé Lois Rodríguez O Carrabouxo. Suso Díaz, Margarita Ledo, Encarna Otero, Leandro Lamas, Luísa Marquez, Manuel Lourenzo ou Suso de Toro, este último redactor do manifesto, tamén se atopan entre as persoas do eido cultural e social que asinaron o manifesto.

“Desde a propia candidatura dirixímonos ás persoas para que asinasen, por iso son 340. De colgármolo na internet, serían máis, mais están as persoas imprescindíbeis para Galiza”, salienta Suso de Toro, membro da candidatura de Nós e redactor do manifesto, en declaracións a Sermos Galiza. “En todos os momentos históricos do país, os intelectuais foron decisivos”, defende o escritor, quen invoca a Faraldo, Rosalía ou Ánxel Casal. “O propio Castelao viuse na obriga de facer política”, afirma.

Suso de Toro salienta a "valentía" das persoas que asinaron en apoio a unha candidatura que "ten todo en contra"

Suso de Torro celebra a “valentía” das persoas que asinan o manifesto porque “a nosa candidatura ten todo en contra”. Refírese ao “redeseño da política española, que consiste en apartar o que sobra para que fiquen catro partidos estatais”. “Unha candidatura galega como a nosa é negada e ocultada polos poderes”, denuncia. Pon como exemplo a cobertura televisiva a nivel estatal que reciben forzas como Ciudadanos, que “nin sequera teñen deputados” e contrástaa coa cobertura nula televisiva de candidaturas como a de Nós, “que dentro leva o BNG, con dúas deputadas no Congreso e con milleiros de votos ás costas”.

En relación ás persoas que asinan o manifesto de apoio a Nós, De Toro sinala que “está claro que os que chegamos até aquí somos os que intentamos a candidatura de unidade e Nós é a unidade posíbel”. O escritor reivindica a cultura en lingua galega e a dos creadores do noso país como “cerne da nación”. “Estou moi orgulloso da xente da nosa cultura, e a xente que asinou tamén ten que estar orgullosa de si mesma por asinar o manifesto de apoio a Nós”, engade De Toro, quen erixe Nós como “a continuidade, os netos e bisnetos de Rosalía, Castelao e Ánxel Casal”.

Que di o manifesto?

O manifesto recolle que “sen poder político propio, sen estruturas nacionais soberanas, sen autoorganización, a nosa Terra esvaece e ningún problema noso terá solución. Tampouco estará garantida a pervivencia e vivencia da nosa lingua e cultura. É polo que damos o noso apoio a Nós-Candidatura galega para as próximas eleccións xerais”, recolle o texto do manifesto, que reivindica “un grupo parlamentario propio galego que, desde aquí e desde nós, combata as políticas antisociais e colabore na consecución de políticas que favorezan os sectores máis castigados pola crise. E demandamos un grupo parlamentar de obediencia galega que reclame poder e soberanía para a nación galega”, engade o texto.

Quico Cadaval: "A nosa candidatura non ten ese plan, ten o plan de defender os intereses deste país e das súas clases populares, conseguir que nos deixe de pasar pola porta unha e outra vez a historia"

O acto de difusión do manifesto foi presentado pola xornalista Concha de La Fuente e polo dramaturgo Quico Cadaval, quen salientou que “recomendo moito Madrid porque tiran moi ben as cañas e é un pobo hospitaleiro, pero hai moitas persoas que a cambio da felicidade de vivir nesa cidade fai o que lle mandan. A nosa candidatura non ten ese plan, ten o plan de defender os intereses deste país e das súas clases populares, conseguir que nos deixe de pasar pola porta unha e outra vez a historia”. Leron o texto apoiado polas 340 a editora Helena Pérez, o actor Federico Pérez e de Tereixa Novo, de Fuxan os Ventos. Estiveron presentes no acto os cabezas de lista pola Coruña e Pontevedra, Carlos Callón e Carme Adán respectivamente, e do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, forza política integrada na candidatura.

Comentarios