Entrevistamos Antón Gómez Reino

"Nos lumes o Estado ten responsabilidades"

Antón Gómez-Reino usa ben máis o “nós” do que o “eu”. Ese “nós” é inequivocamente plural e reférese a En Marea -a confluencia pola que é parlamentar no Congreso- e a Podemos, a formación morada da que é un dos máis destacados referentes na Galiza. Nesta entrevista debullamos a iniciativa de reforma da lei de montes que Gómez-Reino apresentou no Parlamento estatal e analisamos a actualidade política. Alerta sobre a furia recentralizadora en curso no Estado e dubida que exista a correlación de forzas precisa para unha reforma “positiva” da Constitución de 1978. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 273.

Foto Tone
photo_camera [Imaxe: En Marea] Antón Gómez Reino

5Cais son os trazos básicos da proposta de reforma da lei estatal de montes que apresentastes no congreso?

É unha norma que quer atacar os tres elementos fundamentais que se agochan tras os incendios forestais. Por un lado, a cuestión do cambio climático, que evidentemente modifica o contexto dos ecosistemas tal e como os coñecimos até agora e, portanto, necesitamos unha viraxe de 180 graos na política forestal. Por outra parte, está todo o que ten a ver co monocultivo de especies pirófitas, nomeadamente, no caso do país, o tema do eucalipto. E finalmente todo o que engloba a precarización, a externalización, a privatización de servizos de prevención, extinción e emerxencias. Aquí defendemos con clareza que teñen que ser de carácter público. Alén diso, pulamos por fortalecer a ordenación forestal, aumentar as medidas de protección do monte, nomeadamente dos bosques autóctonos, e abrir vía a unha xestión participada... na Galiza sabemos ben de todo iso, cos montes en man común, e nese sentido queremos tamén darlle un amparo desde o ámbito normativo. E finalmente abordamos o elemento este do que se fala moitas veces e que ten a ver co cambio de usos após un incendio, refírome ao artigo 50.1 da lei de montes estatal. Nese sentido, entendemos que se estaban a utilizar as excepcións [que regula ese artigo] como norma para vulnerar o que di ese preceito.

Estaste a referir a que o artigo 50.1, na súa redacción actual, abre demasiado a porta a que, vía excepcións, si que se podan urbanizar terrenos queimados, non é?

Si, sabemos que en diferentes partes do Estado estanse a utilizar as excepcións que abre ese artigo para acabar construíndo, acabar urbanizando e acabar dándolle ao monte outros usos que non son os forestais. E por iso o que quixemos foi blindar este aspecto da norma. Iso é o que tencionamos facer con esta proposición de lei.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 273, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios