Vlogue de Xosé Mexuto

"No combate catalán pódese ser calquera cousa menos equidistante"

O director do SermosGaliza.Gal pon o foco no seu vlogue sobre a campaña catalá en curso. Ve nela dous vectores básicos que coliden, por un lado, a acción represiva do Estado, coa nova ofensiva do Tribunal Supremo sobre o soberanismo, e,  por outro, unha sociedade vertebrada por abaixo.

"Estamos en campaña, na campaña catalá, e o Estado continúa igual, continúa utilizando unha única vía, a vía represiva", afirma Xosé Mexuto, en alusión á recente decisión do Tribunal Supremo de estender a investigación na súa causa contra o soberanismo a Marta Rovira (ERC) e Anna Gabriel como "cabezas visíbeis" do independentismo.

Esa acción do poder xudicial español "equivale na práctica a criminalizar o independentismo no seu conxunto", reflicte Mexuto, para quen "o Estado utiliza todos os poderes que ten ao seu alcance contra Catalunya. O poder executivo, o poder xudicial e tamén as terminais mediáticas".


"Que pasa?", acrecenta o director deste diario dixital, "pois que pode haber un efeito boomerang porque se algo ten demostrado a sociedade catalá nestes anos é que é unha sociedade vertebrada, con conciencia de si propia e que sabe o que quer".

O combate catalán sería, pois, entre un Estado con todos os poderes ao seu dispor e un movimento social por abaixo con capacidade de mobilizar millóns de persoas. "O que está claro é que nese combate cabe calquera cousa menos a equidistancia", conclúe.