Vlogue de Xosé Mexuto

"O fascismo español estivo sempre bastante esperto"

No seu vlogue, o director do Sermos dixital, Xosé Mexuto, avalía as declaracións de Pablo Iglesias sobre a suposta responsabilidade do independentismo catalán no espertar do fascismo español.

Esta fin de semana Pablo Iglesias acusou o independentismo catalán de ter contribuído para acordar o fascismo español, nunhas declaracións que provocaron unha fervenza de reaccións nas redes, non só no mundo soberanista senón tamén en ambientes próximos aos núcleos fundacionais de Podemos como movimento político.

No seu vlogue, Xosé Mexuto avalía en ton crítico as manifestacións de Iglesias. "Realmente o fascismo español estaba durmido?", pergúntase. E respóndese a si propio: "Paréceme que non. O fascismo español estivo sempre bastante esperto", e a seguir relaciona episodios históricos que así o demostrarían, desde o proceso de redacción da Constitución de 1978 -cun peso considerábel das teses franquistas- até o golpe de Estado de 1981 ou o fenómeno do terrorismo de estado.

Oportunismo eleitoralista na procura de votos. Ese é o único móbil, entende Xosé Mexuto, que pode explicar o escorregamento de Iglesias cara posicións tan abertamente críticas contra o independentismo. Mas mesmo así non lle agoira un grande suceso ao líder de Podemos e a súa marca catalá: "Se se vai polos votos do españolismo de Ciudadanos ou o PSC, o máis normal é que o eleitorado compre o orixinal e non a fotocopia".

Comentarios