Lidia Senra

"Eu non acabo de entender que haxa tanto medo a unha pregunta"

Falamos coa eurodeputada cando aínda non amainou o temporal xerado pola súa polémica pregunta á Comisión europea sobre a obrigatoriedade das vacinas e transcender as diferenzas na candidatura de Esquerda Plural. Senra defende que o único que fai é aquilo para o que a foron buscar á casa para ser candidata nas europeas de 2014, “traballar pola xente deste país”. “Ao mellor a alguén lle apetecía moito que dimitira", afirma.

lidia senra

-Sorprendida polo sucedido estes días?

-Bon, sorprendida pode ser a palabra, si. Paréceme sorprendente que unha pregunta feita en agosto salte agora e que se digan cousas que non se din na pregunta. Entendo que o que nos debería preocupar é que os poderes públicos garantan a seguridade de calquera medicamento. A ninguén se lle escapa que as farmacéuticas teñen cada vez máis poder, a investigación está en mans delas. O que se quería levantar con esta pregunta é que haxa un control público diso.

-A pregunta apresentouna en agosto mais non tivo daquela publicidade ou divulgación...

-É unha pregunta máis como as outras 250 que teño presentado no que vai de mandato. É unha pregunta á Comisión europea, non é un debate en sede parlamentar, que tampouco pasaría nada. Calquera desas preguntas recolle inquietudes de cidadanía e colectivos sociais. Eu o que non acabo de entender é que haxa tanto medo a unha pregunta. Creo que hai unha cuestión clave detrás de todo isto: ao PP interésalle levantar esta pregunta e polemizar para tapar cousas como privatización e recortes sanitarios, nun momento no que certifica o desmantelamento de varias áreas sanitarias en Galiza. Iso é o preocupante. O PP toma decisións políticas que son as que danan a sanidade do país. O outro é unha pregunta, podes estar de acordo con ela ou non, mais é só unha pregunta.

-Unha pregunta que recibiu unha resposta contundente e unánime de asociacións de científicos, médicos... criticando argumentos mantidos na mesma, como a aposta na non obrigatoriedade das vacinas...

-A non obrigatoriedade é o que existe no Estado español. Hai un calendario recomendado mais non obrigatorio. Non entendo a que vén esa polémica.

-Cuestionar a seguridade das vacinas...

-Preocúpame a seguridade de todos os medicamentos. Cada vez a industria farmacéutica ten máis poder. Todo isto non é novo, eu cando cheguei aquí en 2014, no marco da constitución da Comisión Juncker, xa fixen unha pregunta interesándome polos motivos polos que Juncker, na proposta que tiña de funcionamento da Comisión, sacaba a Axencia europea do medicamento da Dirección Xeral de Saúde e queríaa metela na Dirección Xeral de Industria. Iso si que é moi preocupante e non lembro que tivese moita visibilidade nin polémica.

-Pensou en volver formular a pregunta con outros criterios, uns criterios que non se entenda que cuestionan a vacinación?

-A pregunta está feita e contestada. Insisto, non sei por que hai tanto medo a unha pregunta, por que levanta tanta polémica. Unha pregunta non marca decisións políticas nin implica ningún perigo. Ou non se pode preguntar, logo?

-Botou en falla voces de apoio, sentiuse soa politicamente nestes días?

-Cada quen ten dereito a tomar as súas propias decisións e facer públicas as súas valoracións e aí xa non entro, non creo que teña algo que dicir. O que si valoro son as mostras de solidariedade que recibín, sobre todo de xente e colectivos cos que estiven en contacto nestes anos, coa xente do espazo político no que traballo. E tamén valoro as críticas.

-Pensou en demitir?

-Non pensei. Ao mellor a alguén lle apetecía moito que dimitise pero teño responsabilidades. A min propónseme ir na candidatura precisamente por ser unha persoa independente e que estaba traballando en organizacións de base. O meu compromiso, e así o dixen sempre, é traer ao Parlamento europeo a voz dos colectivos que loitaban no noso país por mellorar as condicións das clases populares. Posibelmente a alguén lle viría ben que dimitise para deixar o noso país sen unha voz e unha deputada que fai traballo polo país. Por responsabildiade, non dimito.

-Desde Izquierda Unida cualifícana de “tránsfuga”.

-A iso non lle dedico un minuto. Son polémicas que non van a ningún sitio, non quero que me reste un segundo do meu tempo.

-Transcende agora que abandonou en marzo a delegación da Esquerda Plural en Bruxelas

-Xa dixen que non merece perder un minuto con iso. Eu formo parte do grupo de esquerda unitaria europea, GUE/NGL, que se constitúe por delegacións independentes. Aínda que cheguei aquí dentro dunha candidatura que se chama Esquerda Plural, na práctica sempre fomos dúas delegacións distintas, con liberdade de voto e de actuación.

-Vostede, como AGEe, e o resto da Esquerda Plural funcionaban independentemente, quer dicir, iso?

-Si. A coligazón das europeas era máis ampla que Izquierda Unida e AGE, había máis grupos e colectivos. Ernest Urtasun [eleito pola lista de Esquerda Plural] desde un primeiro momento fixo parte doutro grupo europeo, o de ALE- Os Verdes, non se integrou no grupo de esquerda europea.

-Acúsana de non ceder parte do seu salario ao grupo

-A utilización dos fondos ten unhas normas e esas normas cúmproas. Quen di estas acusacións é quen ten que explicarse, dicir á cidadanía se a súa perspectiva era que eu viñese ao Parlamento europeo a traballar por Galiza ou que viñese aquí para financiar o partido. E non vou dicir máis.

-Tamén lle reprochan que non rende contas perante ninguén...

-Iso haillo que preguntar aos colectivos sociais cos que me reúno e traballo. A min véuseme buscar como independente e estou traballando aquí segundo o compromiso que asumín cando decidín aceptar ir.

-Tírase algo de proveito do que pasou nestes días?

-Seguir traballando e traendo aquí os problemas e preocupacións da cidadanía galega. Axudar a que esas loitas vaian para adiante. Iso é o que me interesa.

Comentarios