mércores 26.02.2020

“30 anos de frente”: FPG conmemora o seu 30 aniversario

Palestra, debate, poesía e música centran o vindeiro 22 de decembro os actos de celebración das tres décadas de vida da organización.

“30 anos de frente”:  FPG conmemora o seu 30 aniversario

O 10 de marzo de 1988 fundábase formalmente a Frente Popular Galega como culminación da confluencia e unidade de diversas forzas da esquerda independentista existentes naquel intre. Concebida nun primeiro momento como fronte de partidos na que se integran principalmente o Partido Comunista de Liberación Nacional, Galiza Ceive e os colectivos nacionalistas de Compostela, Vigo e Ferrol, mais adiante evoluiría “cara un modelo organizativo e programático de partido comunista de praxe independentista”, indican na súa web.

O vindeiro 22 de decembro Compostela acolle unha xornada de comemoración dos 30 anos de existencia da FPG e dos 5 de Xeira, unha festa baixo o chamado ferriniano “Reclamamos a liberdade pró noso pobo”.

Co título “Ollada histórica do comunismo independentista” decorre unha mesa de debate na que estarán Lucía España (militante de Xeira e FPG), Xiana L. Penedo (cofundadora de Adiante e militante da Frente), Pancho Niño (cofundador do PCLN) e Méndez Ferrín (escritor, cofundador da UPG, Partido Galego do Proletariado e militante FPG).

Un recital poético (“República escarlata das nosas letras”) reunirá Chus Pato, Xabier Cordal, Anxo Angueira e Elvira Ribeiro. A intervención en nome do Comité Central da FPG de Oriana Méndez dará paso ao concerto, da man de Roberto Sobrado, O Leo e Arremecághona e Impacto de Varsovia.

comentarios