28-M

O 28-M na 'Galiza estremeira': eleccións sen presenza da lingua de 60.0000 habitantes

Medio cento de concellos compoñen o que se chama 'A Galiza estremeira', territorios galegofalantes lindeiros que están fóra das fronteiras oficiais de Galiza. Tamén neles hai eleccións municipais mais a lingua e a cultura galega, en continuo retroceso nesas zonas, apenas ten presenza nos programas e debate.
Bierzo wikimedia commons
photo_camera Cartel de entrada ao Bierzo.

Son por volta de 60.000 as persoas falantes de galego que hai nese medio cento de concellos da 'Galiza estremeira', municipios na comarca do Bierzo, a zona do Eo-Navia asturiana ou na Seabra. Mais non existen de cara ao 28-M en canto a suxeitos de dereitos lingüísticos. O galego, como lingua e cultura, leva décadas perdendo vida nesa zona, mais na campaña electoral non hai apenas referencias a esta situación nin medidas ao respecto. Nalgúns deses concellos, como o da Veiga (Asturias) o galego é lingua oficial.

Un paso que tamén se dera con anterioridade en Lubián (Zamora) e en  Veiga de Valcarce (León), mais neste último poucos meses despois a alcaldesa decidiu retirar e anular o acordo de Goberno que declaraba oficial o galego.

O Bierzo

O Bierzo abrangue 3.000 quilómetros cadrados e por volta de 121.000 habitantes após perder 10% da súa poboación desde que empezou o presente século. Uns anos marcados pola destrución de industria, moi ligada á economía do carbón (minas, térmicas), polo despoboamento, pola falla de infraestruturas e polas eivas en servizos públicos como a sanidade. Ao redor de 20.000 bercianos e bercianas son galegofalantes.

O colectivo cultural Fala Ceibe remitiu aos partidos políticos que se presentan por esta comarca ás eleccións municipais do 28 de maio unha serie de propostas para defender e pór en valor o galego no Bierzo. Desde recuperar a toponimia tradicional —a Lei do Réxime Local de Castela e León sinala que "a denominación dos municipios haberá de ser en lingua castelá"— á creación dun servizo lingüístico para o uso administrativo do galego no Consello Comarcal; pasando polo incremento do número de recursos en galego en bibliotecas e colexios.

"O Consello comarcal (CC) ten a obriga política e legal de protexer a singularidade cultural e lingüística que supón a existencia do galego no Bierzo", recalca. O CC, integrado por 25 conselleiras e conselleiros, é electo a partir do resultados das eleccións municipais. Neste mandato gobernou o PSOE con maioría absoluta. Un total de 101.579 persoas están chamadas a votar nas próximas eleccións municipais nos 38 concellos que conforman politicamente a comarca do Bierzo. 

Un total de 149 candidatas e candidatos dispútanse o 28 de maio as 39 alcaldías do partido xudicial de Ponferrada, que aglutina os 38 municipios do Bierzo. Nos comicios elixiranse un total de 349 concelleiras e concelleiros, que á súa vez serán os que voten os alcaldes e as alcaldesas. 

Tan só PSOE e PP conseguiron cubrir os 38 municipios, mentres que Coalición polo Bierzo —partidarios de que esta comarca pase a ser provincia e cunha porta aberta a decidir se queren adherise a Galiza—presentou un total de 29 listas. A suma das candidaturas de Esquerda Unida e Podemos, nas súas distintas variantes, ascende a 11, o mesmo número de candidaturas que presenta no Bierzo o partido ultraespañolista Vox.

23 concellos en Asturias e Seabra onde o galego é unha lingua viva 

O territorio asturiano no que se fala galego ocupa unha superficie aproximada de 4.200 quilómetros cadrados distribuída en 18 concellos. Actualmente, estímase que o número de falantes nesta zona é de 37.000. Así o recolle o Informe sobre a lingua do Eo-Navia. Sen fronteiras: galego de Asturias, elaborado pola asociación para a normalización do galego de Asturias, Axuntar. A poboación asturiana que ten o galego como lingua nai baixou 38% en 30 anos.

Porén, non é tema de campaña para as formacións políticas que concorren ao 28-M nos concellos comprendidos entre os ríos Eo (ao oeste) e Navia (ao leste). En Zamora son cinco os concellos con persoas galegofalantes, entre eles Lubián, con 80% de falantes de galego e un Concello onde este idioma goza de oficialidade.

Comentarios