Eleccións municipais

26M: todo aberto nas cidades galegas

Da cita coas urnas do vindeiro 26 de maio sairán os novos gobernos locais. Todo fica aberto nas cidades galegas, cun PP moi á baixa e cun PSdeG que aspira a beneficiarse do tirón de Sánchez. O BNG amósase forte, con presenza en case todos os concellos galegos e após duplicar os seus votos nas xerais. As mareas están confiadas na Coruña, Santiago e Vigo, as únicas cidades onde acoden sen fragmentarse. No resto de urbes, un abano de candidaturas nadas da chamada confluencia competirán polos restos.

Urnas.
photo_camera [Imaxe: RTVE] Urnas

A Coruña. As enquisas debuxan un tripartito Marea Atlántica-PSdeG-BNG

Cos resultados de maio de 2011 sobre a mesa –Marea Atlántica e PP, 10 asentos no salón de plenos; PSdeG, 6; BNG, 1–, a dirección da confluencia local tomou unha decisión ben arriscada que acabaría por marcar o desenvolvemento de todo o seu mandato: a de gobernar en solitario. Ficaba fóra a outra opción politicamente racional, o bipartito coa lista encabezada por Mar Barcón.

maria pita“Houbo dous factores básicos que pesaron sobre esa decisión”, relata para Sermos unha fonte ben familiarizada con esa parte da historia. “O primeiro, a consciencia de que o PSdeG de Mar Barcón estaba tomado polo vazquismo, co que iso representa de intereses urbanísticos e demais. O segundo, a idea de que os bipartitos co PSOE con frecuencia acaban mal para as forzas non sistémicas. Aí pesou, por exemplo, o recordo dos gobernos do BNG co Partido Socialista en Vigo e Ferrol”, acrecentan as mesmas fontes.

Todos os agoiros demoscópicos permiten predicir que ningunha forza política poderá gobernar en solitario

A Marea Atlántica decidiu, pois, gobernar en minoría. 10 sobre 27 edís. “O problema para nós”, di a Sermos un dirixente do PSdeG crítico coa corrente vazquista, “é que demos o si na investidura a Xulio Ferreiro sen negociar nada a cambio. Foi un erro estratéxico que pagou caro o partido e que tamén pagou caro a cidade. Teriamonos aforrado boa parte do bloqueo institucional destes anos, coas interminábeis negociacións arredor dos orzamentos se tivésemos posto como condición para o si a Ferreiro a nosa entrada nun goberno de coalición”.

Salvo sorpresa maiúscula ese problema non se vai volver presentar unha vez que se abran as urnas o 26 de maio próximo e se conten os votos emitidos. Todos os agoiros demoscópicos e as impresións recollidas por Sermos de distintas fontes permiten predicir que ningunha forza política poderá gobernar en solitario a cidade no próximo mandato.

1442852334690_860_1000_U_4782eb80f15b6ca73e3a6e1bce4fa29O pacto vai ser inevitábel e alén de máis, moi probabelmente vaia ter de ser a tres e non a dous, xa sexa polo flanco do progresismo e o nacionalismo (Marea Atlántica, PSdeG, BNG), xa sexa polo da dereita, agora máis fraccionada que nunca (PP, Ciudadanos e Vox).

O pacto vai ser inevitábel e alén de máis, moi probabelmente vaia ter de ser a tres e non a dous

Os ventos da política estatal sempre foron quen de facer tremer os alicerces que soerguen o palacio de María Pita. Sen eles non se entende o extraordinario resultado que obtivo a Marea Atlántica en 2015 (pasar de cero a 10 escanos), como tampouco o triunfo do PP por maioría absoluta en 2011.

O principal referente histórico do PSOE coruñés, Francisco Vázquez, xoga xa as súas bazas, e sen complexo, no campo da dereita, ao se aliñar con Ciudadanos. Non só partillou actos públicos con Albert Rivera, senón que participou activamente na procura dunha persoa candidata para o partido na cidade. A elixida é Mónica Martínez Lema.

E Vázquez por que non deu o paso de encabezar a candidatura? “Porque sabe que non tiña posibilidades de gañar e el xa non está para exercer a oposición despois de ter sido todo na cidade durante tantos anos”, din a Sermos fontes do PSdeG. O preocupante para o partido socialista xa non é tanto que o seu antigo líder vista agora as cores de Cs, senón o que poida facer o sector vazquista que aínda aniña nas filas do PSdeG. “Se o barconismo [partidarios de Mar Barcón] non colabora na nosa campaña, daquela non temos nada que facer”, acrecentan as mesmas fontes.

1516196301sesion_plenariaCompostela, cittá aperta

Nas municipais de hai catro anos Compostela protagonizou un dos principais capítulos da vaga de mudanza política que se vivía na Galiza e no Estado. O PP era descabalgado da alcaldía após unha lexislatura con tres alcaldes, escándalos varios e episodios de corrupción. Entraba con forza (34,6% dos votos e 10 concelleiros) Compostela Aberta (CA), a articulación a nivel municipal do que se denominada como ‘espazo do cambio’ e que se situou como primeiro partido. O PP ficaba con 9, o PSdeG suaba ao perder a metade dos apoios (tivo 14%) e ficar en 4 edís; e o BNG, con 2 representantes, embora baixar, tiña o seu mellor resultado nas cidades galegas despois de Lugo.

E catro anos despois, que? Van deixarnos as eleccións do 26 de maio un escenario diferente, van propiciar un novo cambio do calado do que pasou hai catro anos? En principio, non parece que vaia experimentar importantes variacións, o que non quer dicir que as que haxa non vaian ter a súa importancia.

O PP vai perder votos e Ciudadanos -que en 2015 ficou ás portas- podería entrar na corporación compostelá

Ninguén acredita en que unha forza acade a maioría absoluta, fixada en 13 concelleiros e concelleiras. Iso, coa composición actual, desbota que a dereita poida gañar a non ser con alianzas contranatura. Mesmo, e así o indican enquisas e estudos de opinión, o PP vai perder votos e Ciudadanos -que en 2015 ficou ás portas- podería entrar na corporación compostelá.

15278582691521207521DSC01900Así pois, o campo de xogo sitúase na esquerda e na correlación de forzas dentro dela: Compostela Aberta, PSdeG e BNG. CA confía na xestión feita nestes anos, incidindo en que se desenvolveu nun acoso mediático e político que non tivo precedentes na historia política da capital galega e na que xogou un papel clave o PP galego vía Sánchez Brunete (ex-asesor de Conde Roa). Son conscientes de que agora xa non sopran aqueles ‘ventos favorábeis’ de hai catro anos a nivel supramunicipal (punto álxido de Podemos e marés) mais confían en que o feito na lexislatura pese. E que tamén se dea, en certa medida, un voto útil da esquerda cara a CA. O que si que se ten claro é que, fronte a certa opinión estendida en non poucos sectores de que as cousas van ficar como están, cómpre implicar a base social para que non desconecte. “Non nos interesa a calma podre”, resumen fontes de CA.

“Non nos interesa a calma podre”, resumen fontes de CA

PSdeG e BNG non partillan ese relato. Socialistas e nacionalistas coinciden á hora de considerar que estes catro anos de Compostela Aberta na cidade foron de “decepción” e “desencanto”. Falta por ver, sosteñen, como se concreta esa desafección que consideran que se dá entre parte da cidadanía que en 2015 escolleu a papeleta da lista que lideraba Martiño Noriega.

O BNG estrea candidata, Goretti Sanmartín, concelleira na capital e vicepresidenta da Deputación. A organización nacionalista está centrada, explica unha fonte interna, en “traballar e pisar os barrios”. A lista para o 26A incorpora voces e rostros do movemento veciñal picheleiro. “Hai ilusión”, inciden.

En outubro pasado irrumpía a noticia de que Sánchez Bugallo ía ser o candidato do PSdeG ás eleccións municipais do 26 de maio. Era, apontaban non poucos, a noticia política con maiúsculas que variaba o escenario electoral. Meses despois, todas as forzas políticas -agás PSdeG- consideran que, até o de agora, non se deu o ‘efecto Bugallo’. “Hai xente que tiña bo recordo del como alcalde, que considera que no seu momento fíxoo ben, sobre todo ficou esa imaxe pola desfeita que deixou o PP que veu despois. Mais, sinceramente, creo que a Bugallo xa se lle pasou o arroz”, confesa un membro do movemento veciñal compostelán.

Parece que a candidatura de Bugallo non está a lograr entrar na base de votos de Compostela Aberta ou BNG

Parece que a candidatura de Bugallo non está a lograr entrar na base de votos de Compostela Aberta ou BNG, ou polo menos non en cantidades significativas, mais si que o fai nas do PP. O candidato popular, Agustín Hernández, non logra desfacerse da imaxe de que foi posto aí a dedo polo PP (e sen moitas ganas no seu momento por parte do propio Hernández, cómodo no seu posto de conselleiro) e de certas meteduras de zoca moi mediáticas (a imaxe del tirando lixo ao río Sar deu a volta á Península). Iso, combinado con que Bugallo está a apostar nun discurso ‘de orde’ fai que a súa candidatura sexa ben vista por parte do electorado da dereita local.

Concello de FerrolFerrol, a cidade da oportunidade única

O caso de Ferrol é único en Galiza. Existen diversos motivos que fan da sétima cidade do país en poboación unha praza peculiar e con serias dificultades para reverter o seu incuestionábel deterioro. O devalo demográfico non ten parangón no país; a histórica presenza militar condiciona a súa propia configuración sociolóxica; a dependencia do Estado no que respecta ao seu sector estratéxico limitou a súa capacidade para se diversificar no plano económico e o crónico déficit de infraestruturas de comunicación ten aínda cuestións urxentes por resolver (un acceso ferroviario de comezos do século XX).

As posibilidades de que Jorge Suárez recunque semellan remotas cando o propio espazo do que se deu en chamar confluencia ten saltado polo ar

Estas circunstancias, e algunhas outras, proxéctanse tamén na súa gobernabilidade. Un dato ilustra esta teoría, aceptada de xeito maioritario: ningún alcalde ten recuncado no posto dous mandatos, aínda que gañara as eleccións, desde os anos 80. A historia, e tamén a lóxica demoscópica, fai presaxiar que tampouco acontecerá nos comicios do vindeiro 26 de maio.

A febleza do actual goberno en minoría de Ferrol en Común (FeC), un heteroxéneo conglomerado formado por Esquerda Unida, Anova e inscritos de Podemos liderado por Jorge Suárez, dá esperanzas ao José Manuel Rei Varela, un dos homes de confianza do presidente da Xunta, de recuperar o bastón de mando que perdera, canda a súa maioría absoluta, en maio de 2015. De feito, o político ferrolán pode presumir de ter obtido os mellores resultados do Partido Popular na cidade desde as primeiras eleccións municipais: maioría absoluta en 2011 (13 de 25 concelleiros e concelleiras que forman a corporación ferrolá) e gañador en 2015 con 11 edís, cinco máis que a segunda opción, FeC, que finalmente, grazas ao apoio do PSdeG (5) nun pacto que resultou ser o segundo máis breve da democracia en Ferrol (o primeiro tivo tamén o PSOE e IU como protagonistas) e os dous votos do BNG na sesión de investidura, levaron Rei Varela á bancada da oposición, na que apenas duraría uns meses, xusto até que Núñez Feixoo o chamou para dirixir a, daquela, recentemente creada Consellaría de Política Social.

Ás dificultades do goberno bipartito FeC-PSdeG –con 11 edís igualaban os que conseguira por si mesmo o Partido Popular– uníronse os desencontros que desembocarían na ruptura do pacto en setembro de 2016, despois de que o rexedor rexeitase retirarlle as competencias a unha das persoas independentes que integraban a lista dos socialistas, a edil de Urbanismo María Fernández Lemos. Outra concelleira socialista, Rosa Méndez, responsábel de Patrimonio, decidiu tamén seguir como membro do grupo de goberno malia as presións que recibiu da asemblea socialista local, en mans da ex deputada Beatriz Sestayo, quen as acusou de tránsfugas. Meses despois, unha das concelleiras de FeC, Esther Leira, decidía abandonar o goberno e pasar a ser non adscrita por fortes discrepancias con Suárez.

Un Goberno que xa nacera con fortes eivas foise desintegrando até quedar reducido á mínima expresión

ferrolAsí pois, un Goberno que xa nacera con fortes eivas foise desintegrando até quedar reducido á mínima expresión (sete concelleiras e concelleiros, incluíndo a alcaldía) e sen posibilidades de acometer algúns dos proxectos máis importantes do seu programa electoral (taxa de saneamento e convenio con Defensa, entre outros). Só foi quen de aprobar o orzamento do exercicio 2018 e de principiar unha das súas propostas urbanísticas máis ambiciosas: a reforma da Praza de Armas, onde se localiza o consistorio, que tamén ten suscitado as críticas feroces dunha parte importante do sector comercial da cidade. Tampouco na casa común marchan ben as cousas, co enfrontamento vivido nos últimos tempos coa xunta de persoal.

As posibilidades de que Jorge Suárez recunque na Alcaldía semellan remotas

Con este panorama, as posibilidades de que Jorge Suárez recunque na Alcaldía semellan remotas. E máis cando o propio espazo do que se deu en chamar confluencia ten saltado polo ar, preséntandose as candidaturas de Ferrol en Común-Son en Común, a da Marea de Ferrol (co apoio de Luís Villares) e Xuntos Actúa (formada por persoas que se escindiron de Podemos).

Ben é certo que tampouco en 2015 houbo unha única candidatura: Ferrol en Común compartiu espazo electoral coa chamada Marea Ártabra, que a piques estivo de entrar na corporación (acadou 4,95% dos votos) e que, dalgún xeito, impediu tamén que a opción maioritaria da denominada esquerda rupturista lograra un resultado maior.

Neste escenario tan atomizado pola esquerda, a única formación que semella ter unha folla de ruta clara é o BNG

Neste escenario tan atomizado pola esquerda, a única formación que semella ter unha folla de ruta clara é o BNG. Ao seu candidato, Iván Rivas, dérono por morto as enquisas pre-electorais de 2015, que auguraban que ficaría fóra da Corporación. Non foi así e puido manter os dous edís cos que o BNG conta –malia unha lixeira caída de apoios– desde 2007. A favor de Rivas xoga o feito de ter desenvolvido un papel chave: apoiou FeC para impedir que gobernara o PP, mais decidiu, malia os ofrecementos públicos do alcalde, non integrarse no Goberno. Sen ataduras, puido levar adiante unha política independente, ás veces mesmo máis dura coa equipa do rexedor que cun Partido Popular que bloqueou sistematicamente toda a acción de goberno.

Mellores expectativas se presentan para o PSdeG, que en 2015 conseguiu cinco edís, dous menos que nas eleccións anteriores. Daquela liderou a lista Beatriz Sestayo.

Mellores expectativas se presentan para o PSdeG que en 2015

O outro partido con representación  na corporación local é Ciudadanos, ao que as sondaxes lle outorgan unha suba, desde logo provocada polos ventos favorábeis do exterior, pois a acción política da concelleira Ana Rodríguez Masafret pode resumirse nunha moción presentada para modificar a ordenanza de normalización lingüística. Fóra diso, pouco máis, o que non significa que un aumento de votos non sexa posíbel.

LUGOLugo, un partido a oito con final incerto

Está todo aberto. A falta de poucos días para que a veciñanza de Lugo proceda á elección da nova Corporación, ninguén se atreve a facer un prognóstico de quen gobernará a cidade durante os vindeiros catro anos. Trátase dun partido sen favoritos que se resolverá no tempo de desconto.

Até agora a práctica totalidade dos estudos de opinión coñecidos coinciden en debuxar un escenario aberto, sen maiorías absolutas, cun goberno que xurdirá dos pactos postelectorais. Competirán nas urnas o PSdeG da actual alcaldesa Lara Méndez, cuxo obxectivo é revalidar á fronte do goberno, co PP encabezado por Ramón Carballo, o BNG con Rubén Arroxo á fronte, a candidatura de Lugonovo-Mareas Locais con Xosé Chorén como candidato, a lista de ACE-Esquerda Unida-Equo que encabeza Carlos Portomeñe e a maiores preséntase Podemos cunha candidatura propia, sen confluencia con outras forzas. Ciudadanos con María Olga Louzao pelexará tamén por manterse no pleno municipal e a ultradereita de Vox aspira a entrar no concello.

Lugo semella que terá un escenario aberto, sen maiorías absolutas, cun goberno que xurdirá dos pactos postelectorais

A chegada á presidencia local do PP e o posterior desembarco na cabeza da candidatura electoral do antigo subdelegado do goberno Ramón Carballo non conseguiu inverter a tendencia destrutiva na que se atopa a organización na cidade nos últimos anos. As dificultades que atopou para fechar a candidatura, a consecuencia das liortas de familia que cuestionan día si e día tamén o seu liderado ou os bandazos nas súas posicións públicas non son máis que síntomas dos problemas que está atopando para conservar un electorado tradicionalmente fiel.

Foron significativas as declaracións de Carballo nas que expresou a súa vontade de pactar con Vox após os comicios

Nese sentido foron significativas as declaracións aos medios de comunicación de Carballo nas que expresou a súa vontade de pactar con Vox após os comicios, auténtica confirmación da fuga de votos que sofren os populares e da vontade deste partido de gobernar co programa de Vox. A asunción do discurso máis reaccionario por parte do Partido Popular está a apartar da organización a un sector da súa afiliación e do seu corpo electoral crítico coa súa deriva.

Mentres o partido de Abascal semella estar próximo a entrar na vindeira corporación amosando unha importante suba nos seus apoios, a formación de Albert Rivera fica estancado, segundo todas as enquisas, na súa actual representación de dous concelleiros, malia a boa percepción social da súa cabeza de cartaz, Olga Louzao. As propias fontes da organización laranxa non dubidan en sinalar que “as boas expectativas de Ciudadanos na cidade están víndose abaixo a medida que se fortalece Vox”, un dado que tamén confirman as diversas sondaxes, onde Vox aparece como segunda opción de voto entre o electorado de Ciudadanos. O éxito dunha e doutra forza política dependerá da súa capacidade para condicionar o goberno da cidade nos vindeiros catro anos, dándose por descontada a súa participación nun tripartito co PP no caso de que as forzas da esquerda non sumen maioría absoluta.

lara mendez

As boas expectativas de Ciudadanos na cidade están víndose abaixo a medida que se fortalece Vox

O descontento coa xestión de Lara Méndez, a súa falta de vontade por afrontar os grandes temas da cidade, o seu desleixo diante da problemática diaria do concello, a súa incapacidade para dialogar coa oposición ou a súa ausencia de sintonía coa cidadanía non van provocar a hecatombe agardada nas filas socialistas. A estrutura organizativa do PSOE na cidade, o tecido social articulado polo partido ao longo de practicamente vinte anos de goberno e a rede de intereses construída arredor da etapa de José López Orozco semella que paliasen os efectos da xestión de Méndez e da súa equipa. A continuidade da actual alcaldesa dependerá da súa capacidade para tecer acordos co bloque de esquerdas e particularmente co BNG, pero tamén da súa disposición a mudar a actitude mantida nos últimos catro anos. Remata un mandato en que se lle notou un nulo interese pola alcaldía, unha alcaldía que asumiu de rebote após a renuncia obrigada de Orozco e, segundo o seu círculo de confianza, chorando, no que algúns consideran o día máis triste da súa xa longa carreira política.

Lugonovo semella que pagará as consecuencias dunha accidentada lexislatura.

A marca luguesa da En Marea de Luís Villares, Lugonovo, semella que pagará as consecuencias dunha accidentada lexislatura. A dimisión como concelleiro do seu candidato á alcaldía e portavoz municipal, Santiago Fernández Rocha, após ser desautorizado pola asemblea do colectivo; a renuncia á acta de Iñaki García a consecuencia das leas internas; as críticas de Anova e do Espazo Ecosocialista ao dirixismo do sector maioritario procedente de Compromiso por Galicia ou o posterior abandono da plataforma por parte de Podemos son algúns dos aspectos que remataron por debilitar a grande sorpresa das pasadas eleccións locais. Ademais, a candidatura xa escollera a Cristina Pérez como número un, mais ao esta presentarse como cabeza de lista de En Marea ao Congreso, decidiuse que o alcaldábel fose o ex concelleiro do BNG Xosé Chorén. Os obxectivos de Lugonovo pasan por garantir a súa presenza na Corporación, unha representación que se ve ameazada pola fuxida dunha parte do seus votantes ao BNG, que xa aparece como segunda opción de voto entre o seu electorado, e pola saída da candidatura dunha parte significativa dos seus impulsores.

Os resultados do intenso labor de oposición desenvolto polo membro do comité executivo do PCE e dirixente de Esquerda Unida na cidade, Carlos Portomeñe, que contra todo prognóstico acadou unha acta hai catro anos, están aínda por confirmarse. Se ben algunhas enquisas o sitúan de novo na Corporación, mesmo por riba de Lugonovo, outras déixano fóra, o que semellaba que ía favorecer o acordo coa franquía local de Podemos, situada en terra de ninguén após a súa ruptura con Lugonovo. Todo apuntaba a que as e os inscritos lugueses do partido morado ían superar as reticencias iniciais a formar unha coalición electoral con Esquerda Unida, mais ao final non callou. Haberá pois nos colexios electorais a candidatura de ACE-Esquerda Unida-Equo separada da papeleta de Podemos, que concorre coas súas propias siglas. 

Haberá nos colexios a candidatura de ACE-EU-Equo separada da papeleta de Podemos

O ciclo político aberto polo BNG coa conformación dunha nova equipa electoral liderada por Rubén Arroxo demostrouse máis exitoso do que ninguén agardaba. Os mesmos resultados electorais de 2014, conservando a representación municipal do Bloque nun contexto particularmente adverso; a experiencia desta lexislatura, onde se logrou salvar da queima dos outros grupos da oposición, e as perspectivas electorais actuais son exemplos ben elocuentes do que vimos de referir.

Arroxo salienta como o candidato á alcaldía con mellor valoración entre as e os lucenses

A forza nacionalista está en condicións de superar o seu punto de partida, xogando ao seu favor a consideración da súa alternativa entre os votantes do PSOE e Lugonovo e a percepción social de Rubén Arroxo. Así, Arroxo salienta como o candidato á alcaldía con mellor valoración entre as e os lucenses.

Concello_e_Praza_MaiorO futuro de Ourense a proba: inestabilidade e incerteza

Ourense é o terceiro núcleo de poboación máis grande do territorio galego. O vindeiro 26 de maio, a cidadanía elixirá as 27 persoas que a representarán os vindeiros catro anos. O futuro da cidade, após catro anos de inestabilidade, fica pendente da participación da cidadanía.

Féchase o ciclo na urbe das Burgas e a súa cidadanía analiza estes catro anos de goberno en minoría do Partido Popular. O alcalde, Jesús Vázquez, ocupa o posto desde 2015, sendo o único rexedor popular de entre as sete cidades de Galiza. Tamén é a única que nestes catro anos de goberno non foi quen de aprobar uns orzamentos para o municipio. O mandato fundamentouse na prorrogación das contas estabelecidas en 2014 por parte do Partido Socialista.

Ningunha das formacións alcanzaría a maioría absoluta en solitario

Esas mesmas contas que o PP cualificara no pasado como “vergoñentas e irreais” convertéronse no piar fundamental da política municipal ourensá en materia económica. A incapacidade de aprobar os orzamentos forzou os populares a aplicaren esta estratexia. Con só dez postos no concello de Ourense, a equipa liderada polo ex conselleiro de Educación viu como cada ano a proposta de orzamentos decaía pola oposición que aglutinaba o PSdeG, Democracia Ourensana e Ourense en Común. Esta oposición non conseguiu poñerse de acordo para mudar a situación de Ourense a pesar de ter atravesado unha moción de confianza. O líder da oposición, Gonzálo Pérez Jácome, candidato por Democracia Ourensana e con oito escanos no consistorio, ofreceuse varias veces para ser alcalde e botar o PP do poder, mais nin PSdeG nin Ourense en Común aceptaron as súas propostas.

Jácome ofreceuse varias veces para ser alcalde e botar o PP, mais nin PSdeG nin Ourense en Común aceptaron

A inestabilidade no consistorio tamén se trasladou ao grupo popular e provocou tensións entre as persoas que compuñan o grupo de goberno do PP. Recentemente, o voceiro do partido no concello, José Araúxo, renunciaba á súa acta como edil e a todas as responsabilidades que ocupaba como concelleiro. Horas despois do suceso, tamén solicitaba a súa baixa na formación azul alegando un notorio desacordo coas dinámicas que se estaban marcando así como a desmobilización do partido durante estes catro anos de mandato. Araúxo deixa atrás a organización conservadora por irresponsabilidade e inacción e as súas responsabilidades nunha das concellarías de máis peso e sen ter conseguido aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

A oposición non conseguiu poñerse de acordo para mudar a situación de Ourense a pesar de ter atravesado unha moción de confianza

A agrupación que ocupa neste momento o goberno, o Partido Popular, semella que será castigado por estes catro anos e que baixará algún escano. O executivo do PSOE no Estado favorecería un aumento da representación do PSdeG e, pola contra, Democracia Ourensana, após catro anos de inacción lexislativa e axitación xudicial –cos xuízos abertos onde a formación local se presentaba como acusación– baixaría en concelleiros. O antigo espazo da chamada confluencia preséntase agora dividido, por unha banda a candidatura de Ourense en Común, por outra Ourense Mellor e unha terceira de Unidas Podemos-Izquierda Unida. A sorpresa electoral viría da man de Ciudadanos a quen os estudos publicados dan posibilidades de estrearse na cidade. Un BNG en alza, que vén de duplicar os seus apoios nas eleccións xerais, pugna por recuperar a representación no consistorio. Todo apunta a que ningunha das formacións alcanzará a maioría absoluta en solitario.

Todo apunta a que ningunha das formacións alcanzará a maioría absoluta en solitario

ourenseUn Partido Popular que se atopa sometido a unha atmosfera de presión, como a auga cando se solidifica a baixas temperaturas, tras os desacordos e as tensións internas na formación. A formación de centro dereita repite candidato para estas municipais con Jesús Vázquez á cabeza e “para poñer fin ao bloqueo que a oposición mantivo durante a actual lexislatura”. Durante a campaña electoral estará moi presente o debate sobre o proxecto da estación intermodal e outras infraestruturas das que non se chegou a ningún acordo entre a formacións do concello.

Rafael Rodríguez Villarino encabeza a lista do PSdeG após José Ángel Vázquez Barquero dimitir como concelleiro e como candidato á alcaldía. A súa renuncia estivo motivada no seu desacordo co Comité Federal Socialista e a modificación da súa proposta para as municipais do 26 de maio, onde acordou incluír á actual edila Concha García no posto catro da lista, en substitución de Juana Ageitos.

Rafael Rodríguez Villarino encabeza a lista do PSdeG após José Ángel Vázquez Barquero dimitir

Desde o PSdeG presentan a campaña como a alternativa aos anos de inacción do goberno popular e intentando recuperar o goberno que perderon nos pasados comicios. Entre as primeiras medidas que impulsan, estaría a aprobación do PXOM e a continuación das obras de remodelación da Praza de Abastos, proxecto que apoiaron para “poder sacar a concurso a obra e que non se perdese o investimento realizado”.

Gonzálo Pérez Jácome, candidato por Democracia Ourensana, continúa o seu papel como “político xusticeiro contra a rede de corruptela do concello de Ourense e a Deputación”. Desde as primeiras eleccións ás que se presentou Democracia Ourensana, en maio de 2003, Gonzálo Pérez Jácome foi o cabeza de lista. Agora repite a posición e moitas das propostas máis vistosas do seu programa electoral anterior, como é a creación dun parque acuático na cidade.

En Ourense preséntanse tres candidaturas rivais do espazo denominado de confluencia

En Ourense preséntanse tres candidaturas rivais do espazo denominado de confluencia: a de Unidas Podemos-Izquierda Unida que presenta a David Alvarado, a de Ourense en Común con Martiño Xosé Vázque Mato á fronte (esta candidatura foi impulsada por David Bruzos, próximo a Podemos e candidato á portavocía de En Marea nas eleccións primarias que perdeu fronte a Luís Villares) e a candidatura Ourense Mellor-Mareas Locais (apoiada pola dirección de En Marea ) con Etelvino Blanco.

É posíbel a aparición de Ciudadanos no consistorio, cuxa lista encabeza José Araúxo, antigo concelleiro e portavoz do PP no concello. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) está encabezado por Luís Seara. Coas “ideas claras” busca reaparecer no concello de Ourense para reactivar a cidade. Por outra banda, Compromiso por Galicia (CxG) ten o obxectivo de entrar para “non mendigar en Santiago ou en Madrid”. A formación pretende adxudicar as concesións municipais como a do lixo ou o transporte público. O partido de ultradereita Vox preséntase tamén aos comicios municipais, así como Espazo Común, a candidatura promovida polo ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez.

Praza_da_Estrela,_Pontevedra_(5761472841)Pontevedra, un dos escenarios menos emocionantes das cidades

A principal incógnita é saber se Miguel Anxo Lores acadará a súa primeira maioría absoluta tras 20 anos na alcaldía. Cinco mandatos leva Miguel Anxo Fernández Lores profundando naquel modelo de cidade, antes deostado polos seus rivais políticos e sociais e hoxe encomiado até polo candidato do PP.

Hoxe en Pontevedra, máis que do modelo de cidade fálase do “modelo de Lores”. As últimas reformas urbanas xa levan o modelo a cada recuncho da urbe. O alcalde viaxa cada pouco polo mundo enteiro recibindo premios e explicando en foros internacionais como os gobernos do BNG, durante algúns mandatos participados polo PSOE, aplicaron aquel sistema que hoxe moitas e moitos queren copiar. Así as cousas, as enquisas dinlle que esta vez ten a maioría absoluta ao alcance da man. Pode acadar a croa da súa vida política neste mes de maio.

As enquisas dinlle a Lores que esta vez ten a maioría absoluta ao alcance da man

Tras o susto das municipais de 2007, que case lle custan a alcaldía, o equipo do BNG pontevedrés decidiu non volver durmirse nunca máis nos loureiros. Iso foille levando até as doce concelleiras e concelleiros de 2015, rompendo un eterno empate co PP, ao que deixou con sete.

O mandato que termina foi o desexado por calquera alcalde: máis premios, encontro coa alcaldesa de París nun congreso no que Pontevedra actuaba como estrela invitada; numerosos artigos de prensa, un deles en portada de The Guardian, visitas de equipos de televisións que chegan desde lugares que nin sabiamos que existían para facer reportaxes sobre esa cidade da que tanto se fala.

Todo iso elevou cada día máis a autoestima de veciños e veciñas, que amosan o seu orgullo cada vez que lle ensinan a cidade a alguén de fóra. Esa é a fortaleza de Lores para estas votacións: a xente pasea tranquilamente polo seu programa electoral, percórreo cada día. As nenas e os nenos camiñan sos, a diario, polo programa de Lores cara á escola. Os únicos sons que se escoitan en Pontevedra son os dos músicos da rúa, algún que outro paxariño e os berros do alcalde cando se enfada nos plenos. Con maioría absoluta ou sen ela, que seguirá catro anos máis como alcalde é algo que non discuten nin os seus maiores inimigos.

loresMoi lonxe de sufrir o desgaste propio dos mandatarios de vida política alongada, Lores e o seu equipo, formado principalmente por concelleiros e concelleiras veteranas, parece que pode rachar outra vez o seu teito.

A grande aposta do PP de Pontevedra para maio é Rafa Domínguez. Fará un par de anos, o seu partido celebrou unha enquisa entre tres posíbeis candidatos. O mellor situado non quixo saber
nada do tema e os outros dous non contaban coa menor aceptación entre a vecindade. Así foi como xurdiu o nome de Rafa.

Domínguez é o mellor candidato do PP desde que goberna Lores e pode ser o que logre o peor resultado

Médico como Lores, dunha familia coñecida e respectada, algo que en Pontevedra vale moito, Domínguez é o mellor candidato que presentou o PP desde que goberna Lores e pode ser o que logre o peor resultado.

Domínguez escenifica como ninguén as dificultades de medirse con Lores. É un bo candidato, pertence a un partido de tanta tradición en Pontevedra que chegou a colocar ao mesmo tempo un presidente do goberno do Estado e a presidenta do seu parlamento; que conta cunha estrutura sólida e boa base social, pero as súas expectativas electorais son as que son. O peso de Lores e do seu equipo fixo de Raxoi o único presidente español que non logrou que o seu partido gobernase na súa cidade.

O grande obxectivo do PP para 2019 era comezar unha remontada que lle puxese a alcaldía a tiro en 2023, cando o BNG de Pontevedra terá que afrontar unha gran renovación xeracional que levará por diante boa parte do equipo actual, con Lores á cabeza e Mosqueira, o grande arquitecto do modelo. Pero a realidade é que neste momento, Rafa Domínguez loita máis contra a caída que pola remontada.

Dadas as expectativas, se logra repetir o dramático resultado do seu partido en 2015, Rafa Domínguez poderá consideralo unha vitoria, pero seguirá moi lonxe da agardada vitoria de 2023.

Tino Fernández repite como candidato socialista. Bota de menos os tempos nos que era concelleiro do Goberno en sociedade co BNG. Catro anos na oposición moldeáronlle o carácter e fixéronlle sentir morriña do despacho desde o que podía tomar decisións que afectaban ás cidadás e cidadáns. A súa esperanza é que as matemáticas permitan que volte a asociarse con Lores. Todo o ten que fiar a unha baixada do BNG que obrigue os nacionalistas a buscar outra vez un socio. Fernández conta con alcanzar o cuarto concelleiro. Actualmente é o único membro da oposición que ten experiencia de goberno e considérase o aliado natural do BNG, por riba da Marea.

Confía tamén o socialista en que a marca PSOE o axude a medrar. O peor que lle pode pasar é a maioría absoluta de Lores, que o deixaría fóra do Goberno aínda que crecese. Depende máis dos resultados do BNG que dos seus.

Quen tamén aspira a medrar é Ciudadanos, partido que en 2015 entrou no Concello cunha acta. Non tivo gran relevancia na actividade municipal, pero igualmente confían en que os resultados andaluces os das xerais de abril os empurren cara arriba.

O candidato de Marea procurouse para estas eleccións un par de paraugas: un, a cobertura de En Marea, pois nas anteriores eleccións presentábanse pola súa conta. O outro paraugas é Tere Casal, antiga líder do PSOE e tenente de alcalde en dous gobernos do BNG, que vai de número dous. Está por ver como reaccionará o seu electorado ante esta imposición, pois aínda que é unha líder moi valorada, é a única da lista que non tivo que pasar polo proceso de primarias, algo que non ocorreu con outros que levaban catro anos traballando pola candidatura e que quedaron fóra polos votos das bases.

Tamén está por ver o efecto que provoca a candidatura de Podemos, algúns de cuxos membros estaban integrados na súa lista de 2015. Durante o actual mandato, Marea Pontevedra e o seu cabeza de lista, Luís Rei, movéronse a bandazos. Comezaron fustigando a Lores e votando unha e outra vez con PP, Ciudadanos e PSOE. Ao ver que aquela estratexia era como mínimo dubidosa desde calquera punto de vista, decidiron cambiar e pasaron a aprobarlle os orzamentos ao BNG sen pedir nada a cambio.

Marea Pontevedra pasou pola vida municipal sen saber o que quería, e iso pode pagalo

Parece ter perdido o apoio dalgúns colectivos que lle deron soporte en 2015, decepcionados ao ver que a práctica totalidade das súas demandas quedaron nun caixón de que non saíron nin cando Luís Rei tivo a oportunidade de negociar os orzamentos con Lores e votounos sen negociar. Marea Pontevedra pasou pola vida municipal sen saber o que quería, e iso pode pagalo.

A actual distancia entre o BNG e o PP de cinco concelleiros, que previsibelmente pode aumentar, deixa moitas actas soltas. A quen as recolleron en 2015, Marea Pontevedra e Ciudadanos, aspiran a sumarse os ultradereitistas de Vox. Crecidos tras as eleccións xerais e o impulso que lles agasallan os medios de comunicación estatais, souberon buscar por todo o Estado caladoiros que estaban deixados da man de Deus. Contan cos votos de militares, cazadores, taurófilos e machistas, e así, sumando, sumando, aspiran a obter representación. Ese será outro dos problemas do PP, os votos que se lle desvíen á dereita máis extrema. Iso, que vale para Pontevedra, vale tamén para calquera municipio do noso país.

Podemos-EU-Son en Común medirá as súas forzas con Marea Pontevedra

Podemos-EU-Son en Común é a outra lista que aspira ás migallas. Medirá as súas forzas con Marea Pontevedra. Ademais do desencontro en todo o país, que veu crecendo nestes últimos anos, e que sen dúbida afectará aos seus resultados, nesta cidade os de Podemos empezaron as súas discusións con Marea en plena campaña de 2015 e desde entón non se voltaron a falar. Aquí sempre nos preguntamos cantos dos votos que obtivo Luís Rei pertencían a Podemos. Farémosnos unha idea o 26 de maio.

foto concello 2Vigo: Caballero aférrase ao seu ‘viguismo’ para manter a maioría absoluta

Tense descrito a cidade viguesa como carente de auto estima, froito do seu rápido crecemento industrial e urbanístico que, en cuestión de moi poucos anos, borrou gran parte do seu pasado e da historia arquitectónica e cultural. Mais o certo é que na actualidade, son moitas as novas xeracións de viguesas e vigueses que naceron e medraron na cidade e que teñen cara a ela un sentimento de pertenza e querenza.

Desde a alcaldía, con esta diagnose ou con outra, Abel Caballero vén mantendo un marcado discurso localista fronte a un PP ao que tacha de “antiviguista”, confiando en así revalidar a maioría absoluta.

O alcalde confía no seu “viguismo” e actualizou a política localista liderada noutrora por Paco Vázquez na Coruña

O alcalde confía no seu “viguismo” e actualizou a política localista liderada noutrora por Paco Vázquez na Coruña, a quen describiu como “un modelo na súa forma de entender as alcaldías”. Caballero enfróntase ao PP situando a batalla entre “viguistas contra antiviguistas”. Así, as causas dos problemas da cidade (como a situación no Hospital Cunqueiro ou o colapso nos PACs) son, para o alcalde, froito da marxinación coa que Feixóo trata a Vigo fronte a outras urbes. Mentres, co permanente conflito mediático entre ambos, as carencias estruturais da cidade seguen sen resolverse, como o feito de continuar sen Plan Xeral, a precariedade en infraestruturas ou as inoperatividade de contar con dúas estacións de tren separadas por escasos metros, e aínda sen a intermodalidade prometida.

No contexto da fama acadada en todo o estado co alumeado de nadal, Caballero declarou aos medios que en maio alcanzará os 21 asentos dos 27 cos que conta a Praza do Rei.

Todo prognostica que a do PSOE será a candidatura máis votada, aínda que semella difícil ampliar o número de concelleiras e concelleiros acadados en 2015, que situaron a cidade olívica como o único concello dos 20 máis poboados do estado en conseguir unha maioría absoluta.

Para obter unha nova maioría absoluta, Caballero precisa reter consigo ao votante de dereitas

Para obter unha nova maioría absoluta, Caballero precisa reter consigo ao votante de dereitas que nel confiou nas anteriores municipais, grazas ao seu discurso en clave localista e cun PP carente de liderazgo e sen mensaxe municipal. Desta volta, tanto o alcalde como o PP terán que competir con outras opcións de dereita máis novas.

constitucion2018O goberno de Caballero, con medidas como o gasto de 1,6 millóns de euros en alumeado de nadal, ergue sectores da poboación descontentos coa falla de política social, principalmente no que ten a ver co desemprego e o acceso á vivenda, na urbe onde alugueiro se tornou o máis caro e inaccesíbel de toda Galiza. Outros conflitos da acción de Caballero versan coa súa concepción de concello, cunhas denominadas humanizacións que non supoñen un cambio de modelo de cidade nin gañar espazo de aproveitamento público, e coa defensa da construción de macrocentros comerciais nos barrios e parroquias, cos problemas que conleva para o comercio local e os usos do solo. Así mesmo, o movemento asociativo e cultural vense organizando contra a política municipal, maiormente a raíz do conflito arredor do desmantelamento do MARCO coma museo de arte contemporánea, do peche do Centro Fotográfico Galego e ante carencia de política lingüística e cultural. Cuestións, todas elas, que deixan en bo punto de partida á Marea de Vigo e ao BNG. De feito, o Bloque, pese a non lograr representación en 2015, conseguiu manter durante os catro anos o pulso político á alcaldía e situarse como alternativa.

As rivalidades internas de Caballero foron postas a remollo

Mentres, os conflitos abandeirados polo alcalde dentro do seu partido deixaron de visualizarse publicamente. Dun tempo a esta parte, as rivalidades internas de Caballero foron postas a remollo. O seu bo trato con Sánchez fai esquecer o apadriñamento que exercera por Susana Díaz nas primarias; da mesma maneira que aparcou as diferenzas co seu sobriño, Gonzalo Caballero, a quen louva agora coma líder do PSdeG.

A Elena Muñoz, que repite como cabeza de lista polo PP, cústalle que o partido erga cabeza na cidade. Os últimos inquéritos publicados dábanlle unha perda de 2 asentos, o que suporía pasar de 7 a 5, inaugurando un novo chan electoral para os conservadores.

Muñoz agarda reter o voto das últimas municipais e evitar unha nova caída. Mais desta volta teno complicado, xa que as frontes de fuga de votos triplícanse. Así, ademais de enfrontarse a un Caballero atractivo para un sector do votante do PP, terá que lidiar cos emerxentes Ciudadanos e Vox.

A diferenza de votos obtidos polo PSOE nas municipais de 2015 (73.533) ás galegas de 2016 (33.492), supuxeron unha perda de 40.000 papeletas en tan só un ano. Ollando a subida colleitada por Feixoo e Villares respecto aos seus homólogos nas municipais, leva a entender que os votos perdidos do PSOE foron parar practicamente a medias para En Marea e PP. É aquí un auténtico graneiro manifestado nas eleccións galegas que Elena Muñoz terá que motivar para manter a representación actual.

A entrada da Marea de Vigo no concello foi con tres asentos, un resultado importante para unha formación de novo cruño, pero a moita diferenza dos resultados obtidos polas súas candidaturas irmás noutras urbes galegas.

Rubén Pérez, portavoz municipal da Marea de Vigo e secretario de organización de Esquerda Unida, volve encabezar a candidatura. O obxectivo para 2019 é incrementar os seus 3 escanos actuais, recollendo o voto de esquerdas descontento coa xestión de Caballero, e cos ollos postos en repetir o número de votos acadados na cidade pola Marea nas eleccións galegas. Mais o contexto interno estatal e gaelego non pon as cousas doadas para esta formación. A cuestión está en se as crises de Podemos, En Marea e as súas confluencias mollarán a candidatura local ou se aguantará a súa aparente harmonía.

O obxectivo do nacionalismo é recuperar a representación no pleno municipal

O obxectivo do nacionalismo é recuperar a representación no pleno municipal, despois de quedar fóra en 2015, e anos despois de ter gobernado a cidade desde a alcaldía. Para afrontar este reto, deron unha importante renovación xeracional, elixindo como cabeza de lista a Xabier Pérez Igrexas, que con 34 anos xa leva dúas décadas participando na política local e no movemento veciñal. Para o Bloque, tan crucial é recuperar representación como incidir na liña política municipal ante un posíbel contexto sen maiorías absolutas.

A cohesión interna no BNG e a suba de case 3000 votos acadada nas eleccións galegas respecto ás municipais en Vigo, dá azos ao nacionalismo para enfrontar a súa recuperación na cidade e incluso entrar con varios escanos. Durante esta lexislatura lograron estar presentes no taboleiro político, posicionándose como alternativa de esquerdas e nacionalista ante as políticas de Caballero, e acompañándose de movementos sociais e coa propia representación do Bloque no Parlamento Galego e Europeo.

O alcalde de Vigo vén de estrear na política local galega o efecto da viralidade

O alcalde de Vigo vén de estrear na política local galega o efecto da viralidade, unha estratexia de mercadotecnia baseada en que as e os receptores da publicidade son quen propagan ditas mensaxes. Fano a través de múltiples canles (redes sociais, televisión, radio, xornais, así como como na rúa e nos espazos de socialización). O obxectivo é claro: chegar ao maior número de persoas no espazo de tempo máis curto posíbel.

Lonxe quedan aquelas manifestacións convocadas persoalmente por Caballero para defender a Caixanova ou o aeroporto de Peinador ante o “anti-viguismo da Xunta”.

O que o alcalde leva agora é precisamente a viralidade. Para iso, é quen de anunciar durante o verán que o alumeado do nadal sería visíbel desde a Galaxia, e non ten medo a chapurrear inglés na inauguración das luces, cando coñece perfectamente esta lingua mais sabe que desta maneira multiplica as reproducións de vídeos en redes e acapara os prime time das televisións estatais.

Un Abel capaz de telonear cada concerto do verán de Vigo, conseguindo unha intervención política en clave localista perante milleiros de persoas. Non o dubida á hora de encabezar a cabalgata do nadal ou chocar as mans a centos de motoristas vestidos de Papá Noel. Cada un destes eventos son gravados en vídeo e circulan de móbil en móbil sendo conversa diaria.

Será o show, o número de visualizacións dos vídeos e os memes de Caballero porporcionais ao número de votos que acadará?

[Esta información foi realizada por Xosé Mexuto. X.M. Piñeiro, Xosé Lourenzo, Lucía Rodríguez, Marcos Ferro, Rodrigo Cota e Alberte Mera]

Comentarios