As reaccións dos candidatos á Xunta á data das eleccións

O 25S, unha sorpresa esperada

Feijóo anunciou na tarde de onte, 1 de agosto, a data das eleccións ao Parlamento de Galiza. Unha data polémica por adiantarse no tempo e por ser estabelecida en base a unha decisión externa, a data das eleccións vascas. Analizamos as reaccións e o estado das forzas políticas da oposición, a 53 días para os comicios.

Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Foto: Irene Pin
photo_camera Feijóo comparecendo na Xunta de Galiza. Foto: Irene Pin

As forzas políticas da oposición mostraron sorpresa e desconformidade a partes iguais, após o anuncio do actual presidente da Xunta de Galiza, no que situou os comicios galegos no día 25 de setembro.

Feijóo viña afirmando no último mes que esta cita se daría no outono, o cal supuña un marxe de tres meses no cal situala. Finalmente foi posta no terceiro día da estación e foi comunicada no último día posíbel, pois os prazos mínimos para anunciar a data das eleccións exixen 54 días entre o propio anuncio e a xornada dos comicios. A data límite era onte.

Os candidatos das demais formacións políticas responderon de xeito crítico á convocatoria. A sensación de subordinación ante a data dos comicios vascos é o argumento principal en contra do 25 de setembro, ao que se lle une a imaxe de apresuramento que transmite esta decisión.

Ana Pontón: “É Urkullu quen decide a data das eleccións galegas. Todo un símbolo dun presidente que nunca exerceu como tal, nin como galego”

Dende o Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón asestou que “Feijóo pretende facer campaña express e xoga ao vantaxismo”. O acurtamento dos prazos provoca, segundo Pontón, unha redución dos tempos existentes para debater e para que Feijóo responda a moitas preguntas que quedaron sen resposta durante a lexislatura e que, segundo a candidata do BNG, son “moi incómodas”. A outra vertente das críticas de Pontón decorre pola falta de independencia que simboliza axustarse aos prazos marcados pola celebración dos comicios en Euskadi: “É Urkullu quen decide a data das eleccións galegas. Todo un símbolo dun presidente que nunca exerceu como tal, nin como galego”, analizou Pontón.

Con todo, a limitación dos tempos colle ao BNG coas súas candidaturas xa formadas, encabezadas por Ana Pontón e Xosé Luís Rivas na Coruña, Luís Bará en Pontevedra, Olalla Rodil en Lugo e Noa Presas en Ourense. As listas nacionalistas xa foron aprobadas con apenas discrepancias. Deste xeito o BNG é a única forza opositora que xa ten toda a súa equipa formada de cara ao 25 de setembro. Ana Pontón afirmou que o Bloque está “preparado para tódolos escenarios”. Como engadido, a formación presentou, ademais, as bases do seu programa electoral en 33 medidas.

Xoaquín Leiceaga: "Ao final marcou Urkullu a data das eleccións"

Con candidato e á espera de definir as listas electorais. Este é o estado do PSdeG a 53 días para as eleccións ao Parlamento. Xoaquín Fernández Leiceaga liderará a ofensiva socialista cara a presidencia, mentres apacigua as loitas internas no seo do seu partido. A consecución das listas electorais vai ser un proceso arduo no PSdeG, despois da división que se produciu coa celebración das primarias, nas que os apoios se dividiron entre o propio Leiceaga e José Luís Méndez Romeu.

Ante o anuncio da data electoral, Leiceaga mostrou a súa sorpresa ante a decisión que “ao final marcou Urkullu”. Con todo, Leiceaga di estar “preparado” para afrontar a cita, ao tempo que afirmou, en relación ás diverxencias internas, que a responsabilidade primará e que chegará “unha etapa de unidade”.

Martiño Noriega: "(Feijóo) Supedita Galiza ás decisións que se toman en Euskadi”

Por último, En Marea afronta os menos de dous meses que restan para o sufraxio do 25 de setembro aínda sen candidato, pero coa conformación do partido instrumental que viñan reclamando os representantes de Anova, Esquerda Unida e os alcaldes das mareas municipais. Estes últimos foron os primeiros en mostrar a súa disconformidade coa data escollida por Feijóo, xa que “Supedita Galiza ás decisións que se toman en Euskadi”. No mesmo sentido van as críticas de Xulio Ferreiro, quen dixo sentir “mágoa” por que a política galega fique “subordinada ante outros intereses”. O adianto da data esperada para as eleccións galegas fará que En Marea deba anticipar os prazos para presentar xa o seu candidato e, con isto, as súas listas e programa electoral. Aínda a expensas da decisión final de Podemos, de concurrir en coligazón co novo partido instrumental que forma En Marea.

Comentarios