253 concellos galegos "abertos" a Madrid

60 concellos galegos están fechados perimetralmente, polo que 253 están abertos e, como tamén a Comunidade de Madrid está aberta, unha cidadá da capital española pode ir dar unha volta por Baiona ou calquera dos 253 concellos abertos, mentres que unha de Vigo non. "A nosa situación epidemiolóxica permítenos ese ofrecemento", di o presidente da Xunta.
Atascos en Madrid ao anunciarse o estado de alarma. Moitos aproveitaron a caída do fechamento até a tarde da sexta feira para viaxar.
photo_camera Atascos en Madrid ao anunciarse o estado de alarma na capital o pasado 9 de outubro.

A Comunidade de Madrid reabriu as súas fronteiras após a festividade do Día da Almudena, celebrado na segunda feira 9 de novembro, e a Xunta da Galiza xunto a Estremadura e a propia Madrid son as únicas comunidades peninsulares que teñen os seus lindes abertos.

Así pois, unha cidadá madrileña que non estea confinada pode atravesar Castela e León -sen parar, xa que esta comunidade si está fechada- e visitar e facer vida social en até 253 concellos galegos dos 313 que ten o país -60 si están fechados pola Xunta-.

Así, unha persoa de Vigo -municipio con fechamento- non pode ir a Baiona, pero si un visitante de Madrid.

Para o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, esta situación non ten nada de raro.

"Quen veña ten que actuar como os galegos. A nosa situación epidemiolóxica permítenos ese ofrecemento.

Estamos a darlles o mesmo trato que aos galegos", dixo o presidente esta quinta feira, 12 de novembro, ao rematar a reunión do Consello da Xunta, ao ser preguntado polos medios por esta estraña situación en tempos de pandemia e restricións. 

Comentarios