Un 25 de xullo con máscaras e distancia social

A pandemia provocada pola Covid-19 e as consecuentes medidas de seguranza tomadas para evitar novos contaxios modifican este ano os actos de celebración do 25 de xullo que organizan as diferentes formacións políticas e, en particular, os festexos de nacionalistas e independentistas.
[Imaxe: GZ Foto] Bandeira da Patria
photo_camera [Imaxe: GZ Foto] Bandeira da Patria

A axenda das distintas formacións políticas galegas para este 25 de xullo adáptase aos protocolos de protección sanitaria reducindo o número de eventos e aplicando o distanciamento social nas súas manifestacións, ademais de lembrarlle á militancia o obrigado uso das máscaras.

A capital galega acollerá os actos organizados pola organización independentista Causa Galiza e polo Bloque Nacionalista Galego, que conmemora este ano o centenario do Día da Patria Galega. Na Coruña e Rianxo terán lugar as ofrendas florais organizadas por Anova-Irmandade Nacionalista e o PSdeG, respectivamente. E desde o Partido Popular non se lle puido confirmar a este diario a realización de ningún evento especial para o 25 de xullo.

Día da Patria expansivo e telemático para o BNG

A formación nacionalista realizará a súa tradicional manifestación desde a Alameda compostelá ás 12 horas, pero desta volta a concorrencia de militancia e simpatizantes estará limitada a un milleiro de persoas, as mesmas que poderán presenciar o posterior discurso da líder Ana Pontón na praza da Quintana. Pero Compostela non será a única cidade de celebración do Bloque, senón que terán lugar actos simultáneos na Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense, e realizarase unha conexión telemática prevista para as 12.45 horas. Cómpre destacar que entre as comarcas convocadas á celebración de cada un destes actos queda excluída, por mor da situación sanitaria pola Covid-19, a Mariña.

A mocidade de Galiza Nova realizará unha ofrenda floral a Rosalía de Castro e a Alfonso Daniel R. Castelao, que terá lugar no parque de Bonaval ás 18 horas do día 24 de xullo. A Covid-19 impide este ano que decorra o Festigal.

Os socialistas galegos réndenlle homenaxe a Castelao

Un ano máis, o Partido Socialista da Galiza achégase á vila de Rianxo para celebrar o Día da Patria realizando unha ofrenda floral ante o busto do político galeguista Alfonso Daniel R. Castelao. No evento intervirá Gonzalo Caballero, secretario xeral da formación, acompañado dalgúns dos seus deputados electos e de membros da executiva do PSdeG.

Ofrenda floral de Anova aos fusilados da República

O monumento deseñado por Isaac Díaz Pardo no Campo da Rata da Coruña acollerá ás 12 horas do 25 de xullo a homenaxe floral de Anova aos galegos e ás galegas republicanas fusiladas, nun acto no que intervirá o portavol nacional, Antón Sánchez. Baixo o lema "Adiante República Galega", Anova quere recoñecer "os republicanos e republicanas que deron a súa vida pola liberdade e a xustiza social".

Por mor da actual situación sanitaria, Anova viuse na obriga de cancelar o xantar que, nos anos anteriores, realizara como remate dos seus festexos do 25 de xullo.

Cadea humana de Ceivar e manifestación desde Causa Galiza

A organización independentista Ceivar convoca, para o 24 de xullo, a XIII Cadea Humana pola Liberdade dos Presos e Presas Independentistas. A xuntanza, que terá lugar na praza de Galiza de Compostela ás 19 horas, percorrerá a cidade até a praza do Pan para esixir a liberación dos presos Roberto Fialhega 'Teto', Antom Garcia, Eduardo Vigo e Miguel Garcia e da presa Asunción Losada. Neste último caso, Ceivar denuncia a aplicación "de réximes de dispersión" a esta galega presa no cárcere madrileño de Estremera.

Ás 12.30 horas do día 25, Causa Galiza manifestarase, aplicando tamén medidas de seguridade, desde a Alameda compostelá baixo o lema "Mais independentismo para fazer frente à crise".

Mocidade pola Independencia

"Combatemos a precariedade construíndo Galiza" é o lema de Mocidade pola Independencia para o Día da patria deste ano. Convocan unha manifestación ás 20:30 horas desta sexta feira, 24, con saída das Alameda de Compostela e a partir das 23:30, e desde a Praza de Cervantes, haberá unharondalla.

DE por parte, Agora Galiza.-Unidade Popular ten unha concentración-acto político o 25 de xullo na Praza 8 de marzo de Compostela baixo o lema: Paremos o fascismo: independencia e socialismo".

Comentarios