Bieito Lobeira

“Este 25 de xullo evidenciouse que o nacionalismo ten un enorme potencial"

O responsábel de Organización do BNG valora como “éxito rotundo” a afluencia á manifestación do Día da Patria e destaca a capacidade de mobilización social do Bloque. “Non hai outra organización en Galiza con esta capacidade”.

GZFoto
photo_camera Imaxe: GZFoto

-Calculades que unhas 15.000 persoas tomaron parte na manifestación do BNG do 25 de xullo. Que valoración facedes deste nivel de asistencia?

-É un éxito rotundo e moi necesario no contexto político deste ano. Miles de persoas volveron tomar parte nunha manifestación que é a expresión política de que Galiza é unha nación e que iso tamén ten reflexo nas rúas. A nivel interno,  da nosa base social, a mobilización supón unha inxección de ánimo e evidencia que o nacionalismo ten unha enorme potencialidade. Cara fóra, esta manifestación escenifica forza e potencia.

Os actos do BNG polo 25 de Xullo, e non me refiro só á manifestación mais tamén ao Festigal, evidencian que non existe organización política en Galiza con esta capacidade de mobilización social e de artellar, coas súas propias mans, unha xornada deste tipo. Algo imposíbel sen os centos de militantes e simpatizantes que con traballo e compromiso fixeron que estes actos fosen realidade.

Dicían que o nacionalismo estaba acabado e amosouse que non é certo

-Vese que estades satisfeitos da resposta...

-A manifestación reuniu miles de persoas e no Festigal aínda non temos os datos definitivos de afluencia mais a recadación permítenos agoirar que houbo máis xente que no ano anterior.

É importante que os nacionalistas nos creamos o que somos e non o que digan de nós. Dicían que o nacionalismo estaba acabado e amosouse que non é certo, que a potencialidade do BNG vai alén dos resultados electorais. Nós non nos medimos en platós de televisión mais na rúa, e na rúa somos hexemónicos. Temos principios, coherencia e unha base social extraordinaria.

-A manifestación do 25 de Xullo do ano pasado foi unitaria, impulsada por unha comisión cidadá. Desde entón foron moitas cousas as que aconteceron. Había preocupación, cautela, no BNG perante o que podía resultar este Día da Patria en canto a asistencia?

-Había certa cautela, si. Non tanto pola fórmula de convocatoria diferente á de 2015, pois ese 25 de xullo nutriuse de miles de persoas do BNG, iso non debe sorprender a ninguén; como polo que podían ser as consecuencias anímicas dos resultados das eleccións ou da situación interna após a Asemblea Nacional. Porén, os termómetros indicaban que ía ser unha manifestación importante. Os actos previos, as festas polas comarcas para promover acudir este día, o aluguer de autobuses... indicaban que a xente ía responder e ía acudir este 25 de Xullo. E fíxoo.

Nós non nos medimos en platós de televisión senón na rúa, e na rúa somos hexemónicos

-O 25 de Xullo sitúa o BNG nunha situación acaída para encetar unha campaña electoral como a das galegas?

-Para nós o 25 de xullo non é unha data electoral, é de reivindicación patriótica. Certo que desta vez dáse nun contexto pre-eleitoral e que a mobilización sérvenos, por dicilo así, para nos poñer en condicións. É unha campaña na que España vai ter menos presenza e no que o debate vai ter que ser sobre Galiza, centrado aí. E nós temos as propostas, as ideas, as alternativas e as candidaturas pensadas en Galiza e para Galiza. Somos a única organización nacionalista que existe como tal. O importante é que creamos en nós. 

Comentarios