25 militantes do Encontro Irmandiño abandonan esta formación polo conflito co escano

O visto e prace de Beiras a que Carmen Iglesias se integre no grupo parlamentar de AGE non foi unha decisión consensuada nin coa militancia nin con EU, socia na coligación. Fontes do grupo que deixará o EI sinalan en conversa con Sermos Galiza que a decisión adoptada é "unilateral" e "conculca o asemblearismo".


A decisión do voceiro do grupo parlamentar de AGE, Xosé Manuel Beiras (Anova) de aceptar a incorporación de Carmen Iglesias nesta formación após a lea interna ao redor do escano que deixou vacante David Fernández Calviño foi tomada de maneira unilateral, sen consultar nin coa militancia nin con EU, principal socia na coligación. A consecuencia: 25 militantes en Ourense do Encontro Irmandiño --o partido liderado polo propio Beiras e semente de Anova-- pediron a baixa nesta formación, malia que continuarán a militar en Anova.

"Sentimos que se conculcou o asemblearismo, principio básico e fundamental na nosa organización"

Así llo confirmaron fonte do EI de Ourense a Sermos Galiza. "Sentimos que se conculcou o asemblearismo, principio básico e fundamental na nosa organización, ao non se ter en conta a decisión unánime dunha asemblea provincial en que acordamos que non queriamos que Carmen Iglesias Sueiro entrara no grupo parlamentar de AGE", explica unha das persoas que pediu a baixa no EI, integrante da coordenadora de Anova-Ourense. 

Tal e como detalla, o acontecido co escano de Fernández Calviño "precipitou e influíu" na súa decisión de abandonaren o Encontro Irmandiño, argumentada tamén na idea de que "cremos na militancia única", é dicir, avogan por que non haxa grupos políticos organizados dentro de Anova. Aliás, recalca que "neste momento non queremos compartir organización política con xente que está a facer do unilateralismo a súa forma de facer política conculcando as decisión asembleares e os dereitos recollidos nos principios fundacionais" de Anova.

"Non queremos compartir organización política con xente que está a facer do unilateralismo a súa forma de facer política"

Por derradeiro, esta fonte que solicitou a baixa do Encontro Irmandiño enfatiza que "os responsabeis das relacións políticas están sobrepasando gravemente as súas competencias, actuando unilateralmente e prexudicando a organización --Anova-- e a coligación --AGE--".

EU tamén denuncia que a decisión de Beiras non foi consensuada

Aliás, segundo publica o xornal dixital Galicia Confidencial após consultar fontes da formación que lidera Yolanda Díaz, estas terían confirmado que non houbo nin diálogo nin acordo na decisión de acoller Iglesias nas bancadas de AGE. De feito, cando Beiras informou Díaz de que faría públicas as súas intencións, ela teríalle pedido que recuase, sempre segundo o citado medio de comunicación. Cómpre lembrar que EU suspendeu de militancia á deputada ourensá ao se negar a entregar a acta para que a vaga de Fernández Calviño a ocupase a seguinte militante de Anova na candidatura por Ourense, Iolanda Pérez Docampo.

Para alén do incomodo en EU o visto e prace unilateral anunciado por Beiras non gostou tampouc dentro das filas de Anova. Na FPG, a outra formación política que se integra nesta formación, sinalou en declaracións ao Galicia Confidencial que rexeita "de raíz" que Iglesias sente nas bancadas de AGE.

Comentarios