25.200 euros anuais a Rajoy durante 11 anos

O diario El País publica hoxe as anotacións do ex tesoureiro Luís Bárcenas. Do seu contido tírase que o presidente do PP e do Goberno, Mariano Rajoy, recibiu pagamentos en negro por valor de 25.200 euros anuais durante 11 anos. Moncloa afirma que o diñeiro era limpo e que foi declarado.
Rajoy
photo_camera Rajoy

Entre 1990 e 2009, a cúpula do partido gobernante en Galiza no Estado recibiu soldos en B. Entre os beneficiarios figura a secretaria xeral do PP, Cospedal, quen estes días quixo aparecer como látigo dos corruptos no seo da súa formación. Os papeis de Bárcenas poñen ao descuberto o financiamento irregular do partido: rexistan doazóns de tres construtores imputados pola Gurtel. O ex secretario de Organización do PP galego, Pablo Crespo, aparece como doador de fondos.

Rajoy tocado e, probabelmente, fundido, após as novas revelacións sobre o financiamento irregular do seu partido e sobre a hipótese de el ter recibido diñeiro en negro e que, consecuentemente, non declarou a Facenda. O diario El País publica hoxe toda a contabilidade que durante 19 anos, de 1990 a 2009, levou Luis Bárcenas, o tesoureiro do partido. Tal e como no seu momento revelou El Mundo -nunha filtración que en sectores do PP se atribúe a Esperanza Aguirre- Bárcenas estabeleceu, xa baixo a presidencia de Manuel Fraga, o sistema de pagamentos en negro a funcionarios e dirixentes do PP, con cantidades que abalaban entre os 5.000 e os 15.000 euros en negro.

Quen achegaba o diñeiro? Non desde logo o Estado, mais si grandes empresarios ligados á construción. Directivos de Sacyr Vallermoso, OHL, FCC Construcións figuran como doadores nos rexistros -manuscritos- que durante cuase 20 anos levaron Bárcenas e Álvaro Lapuerta (durante un período, tamén tesoureiro do PP). Tamén contribuíu a engraxar a contabilidade do partido, con fondos provenientes da trama Gurtel, Pablo Crespo, quen fora secretario de Organización do PP galego.

Como receptores de sobres en negro aparecen rexistados na contabilidade de Bárcenas Mariano Rajoy, Jaime Mayor Oreja, Javier Arenas, Francisco Álvarez Cascos, Ángel Acebes e María Dolores de Cospedal, isto é, todos os dirixentes que ocuparon a secretaría e vicesecretaría xerais do Partido.

As revelacións poden levarse por diante a toda a cúpula dirixente do partido no goberno no Estado e na Galiza

Cospedal tería recibido, en 2008, catro pagamentos trimestrais por valor de 7.500 euros cada un.

En declaracións a El País, un portavoz de Rajoy negou que as anotacións de Bárcenas se correspondan coa realidade e aprazou o esclarecimento do asunto á realización da auditoria interna encarregada polo presidente do partido.

No rexistro manuscrito de Bárcenas non aparece o nome de José María Aznar, que sairía así indemne dun escándalo que ameaza con levarse por diante a toda a cúpula dirixente actual do partido que goberna quer no Estado quer na Galiza. Si que hai, en todo caso, entregas feitas a nome de J.M., as iniciais do nome do ex presidente do goberno.

Luis Bárcenas amasou durante décadas unha fortuna proveniente de pagamentos irregulares de construtores que se viron beneficiados por contratas de administracións públicas controladas polo PP. Como froito desta actividade de carácter mafioso, Bárcenas acopiou 22 millóns de euros, depositados nun banco en Suíza.

Comentarios