O 24M o PP perdeu en Galiza o 21% dos concellos onde gobernaba con maioría absoluta

O Partido Popular ficou este domingo sen 40 das alcaldías que ostentaba grazas á maioría absoluta. Un dado que exemplifica a perda de poder do noutrora todopoderoso PPdeG.

mitin pp

Bastaron 11 horas para pór patas arriba o mapa político galego vixente nos últimos anos. O domingo, de 9:00 horas a 20:00 horas, o voto de 1.500.499 galeg@s determinou importantes e significativos cambios na Galiza municipal, un escenario no que até o de agora predominaba o azul popular. Mais esa imaxe cambiou e non pouco. Así, o PPdeG sae deste 24M con 40 concellos menos onde gobernaba con maioría absoluta. Tiña 188 e mantén 148. Unha importante queda do 21%. Segue a ser a primeira forza en Galiza mais cos peores resultados da súa historia en eleccións locais (35,7%). Unha perda de case 10 puntos a respeito de 2011 que resulta na perda de importantes concellos onde até o de agora gobernaba. Haberá que agardar agora até o 17 de xuño -data de constitución dos novos gobernos locais- para ver como a dinámica de pactos e alianzas quita, ou dá, concellos ao PP alí onde este non ten maioría absoluta.

O PSdeG, pola contra, aumenta o seu número de concellos onde vai gobernar con maioría absoluta. De 35 pasa a 47, 12 máis. Algúns deles tan significativos como o de Vigo, mais tamén concellos como Viveiro.

O PP segue a ser a primeira forza en Galiza mais cos peores resultados da súa historia en eleccións locais (35,7%)

O BNG tamén saíu do 24M con máis gobernos de maioría absoluta que hai catro anos. Daquela os votos déranlle a maioría absoluta en 11 concellos e este domingo os e as electoras déronlle esa confianza en 13 (Allariz, Bueu, Castrelo de Miño, Ribadeo, Vimianzo, Zas, A Pobra de Brollón, Carballo, Carnota, Mazaricos, Moeche, San Sadurniño e Tomiño). Cómpre lembrar que a esta cita o BNG chegaba con só 6 alcaldías con maioría absoluta das 11 gañadas nas urnas hai catro anos, após a marcha do Bloque de alcaldes e concelleiros ao longo deste mandato, como foron os casos de Teo ou Manzaneda. .

Hai tamén varios concellos -sete- gobernados con maioría absoluta no epígrafe de ‘outros’. Aí están mareas como as de Manzaneda ou Val do Dubra, Vilar de Santos (Compromiso por Galicia) ou fenómenos ‘independentes’ como Independentes das Terras de Chantada (INTA) en Chantada.

Comentarios