O 23-F cóase no debate sobre a reactivación económica da Galiza

A actuación da Xunta na pandemia, a xestión dos fondos europeos de recuperación e a rebaixa das peaxes da AP-9 protagonizaron a sesión de preguntas ao presidente da Xunta no pleno do Parlamento galego. Núñez Feixoo, porén, preferiu centrar o debate na defensa do réxime do 78 con motivo dos 40 anos do 23-F.
Ana Pontón dirixiuse ao escano do presidente da Xunta para entregarlle as propostas do BNG para a reactivación económica da Galiza (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón dirixiuse ao escano do presidente da Xunta para entregarlle as propostas do BNG para a reactivación económica (Foto: Nós Diario)

A crise, a reactivación económica, o uso dos fondos europeos de recuperación e os proxectos que opten a eses recursos centraron a sesión de preguntas ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, que esta cuarta feira, 24 de febreiro, decorreu no Parlamento galego. 

Mais tamén o cuadraxésimo aniversario do golpe de Estado do 23-F saíu á palestra. E fíxoo da man do presidente, que aproveitou o debate coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para facer unha defensa da transición española, da Constitución e do réxime do 78, afeando ao BNG que xunto a outras forzas soberanistas plantase no Congreso dos Deputados o rei Felipe VI, no acto de conmemoración do 23 de febreiro. Ademais, Feixoo cualificou Pontón como a líder máis "radical" da historia do BNG.

"O que está cada día máis radical é vostede", contraatacou Pontón, quen lamentou que, mentres ela preguntaba "pola pandemia, pola campaña de vacinación e polos fondos europeos", o presidente recorrese ao 23-F e criticase os postulados nacionalistas do Bloque. 

Nesas, Pontón pediu "respecto para o debate parlamentar", instou a non perder a oportunidade dos fondos europeos de recuperación e levantouse do asento, aproximouse ao escano do presidente e entregoulle o documento "Xerar Futuro, Galiza Next", que condensa os proxectos do BNG para mobilizar 14.800 millóns de euros "para saír da crise e sentar as bases do desenvolvemento das próximas décadas".

O presidente dixo á nacionalista que analizará o documento, mais advertiu que a maior parte de propostas "son coñecidas" porque integraban o programa electoral co que o Bloque concorreu ás eleccións galegas de xullo. Tamén aludiu a que no Parlamento se puxo en marcha unha comisión de reactivación para impulsar de forma conxunta a reactivación.

Pola súa banda, Pontón reprochou que após case un ano de pandemia, non houbo un reforzo da sanidade pública, nin sequera para planificar a vacinación. E en materia económica, tampouco se puxo en marcha, dixo, un plan de rescate real para os sectores máis afectados pola crise, só axudas "puntuais e insuficientes”. Tamén denunciou que a Xunta "careza dunha alternativa" para defender os intereses da Galiza nos fondos europeos, alén "das xestións a favor dunha manchea de multinacionais". 

Fenda salarial

O  Pleno, cos votos en contra do PP, rexeitou unha iniciativa do PSdeG que exixía á Xunta pór en marcha un plan destinado a diminuír a fenda salarial entre mulleres e homes. A proposta pedía ao Goberno galego medidas para estabelecer un marco laboral de calidade no emprego, combater a desigualdade de acceso a diferentes ocupacións, incrementar a incorporación das mulleres en profesións altamente masculinizadas, rexeitar os teitos de cristal e facilitar a súa inserción laboral. 

Si resultou aprobada por unanimidade a iniciativa do PP que, transaccionada coa oposición, demanda ao Estado a aprobación da Lei de igualdade salarial para rematar coa fenda nos soldos entre as mulleres e os homes. Tamén pide a actualización da Lei estatal de conciliación de 1999 para que se teña en conta a nova realidade demográfica. 

Tenso debate con Caballero polas bonificacións na AP-9

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, recriminou ao Goberno español que exixa á Xunta sufragar o convenio de bonificación das peaxes dos tramos da AP-9 de Rande e A Barcala. O ano pasado o Tribunal Supremo resolveu a favor de Audasa no contencioso contra o Estado e a Xunta e recoñeceu o dereito de ser indemnizada pola modificación que en 2017 se realizou do sistema de retribución da 'peaxe na sombra' implantado en 2006 en Rande e A Barcala, co obxectivo de que estes tramos fosen gratuítos.

Feixoo fixo este reproche no pleno após o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, exixir á Xunta ampliar as rebaixas das peaxes da AP-9, non só en 2021 -como comprometeu o Executivo estatal- senón até 2048, cando finalizará a concesión de Audasa. Feixoo respondeulle opóndose a que as arcas da Xunta sufran novos impactos por decisións do Estado ligadas á AP-9. 

Comentarios