As citas electorais mandarán en 2023

2023 será un ano marcado polas citas electorais. Os comicios locais de maio e as eleccións estatais de finais de ano condicionan a axenda de 2023, onde tamén é posíbel un adianto electoral das galegas para facelas coincidir coas estatais. As forzas políticas non aforran esforzos de cara a este novo ciclo electoral.
O popular Alfonso Rueda Valenzuela, a nacionalista Ana Pontón e o socialista Valentín González Formoso (Foto: Europa Press).
photo_camera O popular Alfonso Rueda Valenzuela, a nacionalista Ana Pontón e o socialista Valentín González Formoso (Foto: Europa Press).

As eleccións municipais de maio de 2023 teñen diversas lecturas para as formacións galegas. Á marxe das derivadas das propias dialécticas locais, a totalidade das organización políticas enténdenas como o comezo dun ciclo político cuxo remate sitúan nos comicios galegos. Neste sentido, o Partido Popular aspira a mellorar as súas posicións en relación a 2019, para presentarse como unha opción á alza, mentres o bloque progresista tenta garantir a súa hexemonía local para situarse como alternativa clara á dereita na Xunta da Galiza.

As eleccións municipais 

Os populares amósanse convencidos de que van lograr mellores resultados que nos comicios locais pasados (2019), que deron as peores cifras aos conservadores desde as eleccións municipais de 1979. A estes respecto, apostan por recuperar as Alcaldías de Ferrol e Ourense, véndose con capacidade de pelexar polo Goberno de Lugo. Na mesma dirección, consideran posíbel  un avance nesta circunscrición electoral que posibilite acceder ao Executivo da Deputación luguesa, do cal están apartados desde 2007, agás un breve período entre xuño e outubro de 2015, con Elena Candia de presidenta co apoio do tránsfuga socialista Manuel Martínez.

Os socialistas maniféstanse seguros de manter os Gobernos locais conseguidos en 2019. Nesta dirección, recoñecen a súa debilidade en Ferrol pero vense con posibilidades de conseguir a Alcaldía de Ourense en coalición co BNG.

Asemade, non dubidan dunha mellora de resultados no ámbito rural e vilego, estando certos de conservar os Executivos das Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra e en capacidade para disputarlle a José Manuel Baltar o Goberno da Deputación de Ourense. Porén, recoñecen que esta circunscrición  presenta dificultades, avanzando unha concentración do voto da dereita tras a desaparición de Ciudadanos.

Os nacionalistas agardan incrementar os seus Gobernos locais e a súa representación institucional. Neste escenario, expresan a súa seguridade en manter as Alcaldías actuais, entre elas Pontevedra, loitar por outras novas, como Lugo, e avanzar de forma sostida no conxunto dos concellos galegos. Fontes da dirección do BNG consultadas por Nós Diario entenden que non perigan os Executivos de coalición cos socialistas nas Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra  e ven posíbel un Goberno alternativo ao PP na de Ourense.

Os comicios estatais

Os comicios estatais desenvolveranse con toda probabilidade no mes de decembro. A posibilidade dun atraso electoral para 2024 xa foi rexeitada polos servizos xurídicos do Congreso dos Deputados a raíz dunha consulta formalizada polo PSOE. 

Un Goberno de coalición entre o Partido Popular e Vox ou un Executivo progresista apoiado polos nacionalistas son os dous únicos escenarios posíbeis neste contexto, cuxas consecuencias, en calquera dos dous supostos, serán evidentes no panorama político galego.

O PP non quere ouvir falar doutra posibilidade que non pase por un Goberno do Estado presidido por Alberto Núñez Feixoo, sendo conscientes de que a continuidade dun Executivo de Pedro Sánchez complica moito a súa posción no país. Neste sentido, confían no tirón electoral do líder popular e recoñecen os problemas para a súa alternativa na Galiza no caso dun pacto con Vox.  

O Partido Socialista vese con capacidade de reeditar un Executivo presidido por Pedro Sánchez. Nesta dirección, significan que as sondaxes sitúano nas porcentaxes de voto dos populares e que teñen marxe de mellora para o ano 2023. As súas expectativas electorais nunhas galegas, líganas á continuidade do Goberno progresista, onde algúns sitúan nos próximos meses o ex secretario xeral do PSdeG que vén de ser absolto pola xustiza na 'Operación Polbo', Gómez Besteiro.

O BNG amósase seguro de incrementar a súa representación no Congreso dos Deputados na próxima lexislatura. Ademais, retornará de novo ao Senado español ao corresponderlle polos resultados das galegas designar un senador de representación autonómica. Aliás, entenden que nun tempo político condicionado polos nacionalistas no Estado, Galiza non pode ficar á marxe.

Posíbel adianto das eleccións galegas

A posibilidade de facer coincidir as elección galegas e estatais está na axenda dos populares galegos. A súa decisión adoptarase en función dos resultados dos comicios locais e da valoración que trasladen de Alfonso Rueda as sondaxes. O adianto electoral respondería a tentar paliar a falta de tirón do actual mandatario da Xunta da Galiza, cunha campaña onde, tamén, concorra Núñez Feixoo como presidenciábel, neste caso ao Estado, e a compoñente galega se dilúa.

Comentarios