20% dos deputados e deputadas do Parlamento galego optan a unha Alcaldía

Aqueles parlamentarios e parlamentarias que consigan facerse co bastón de mando municipal deberán deixar a súa acta no Pazo do Hórreo.
Sesión plenaria do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento).
photo_camera Sesión plenaria do Parlamento da Galiza (Foto: Parlamento).

Un total de 15 parlamentarios, 11 do PP e catro do BNG, concorrerán como aspirantes a Alcaldías galegas o vindeiro 28 de maio. Un pleno de éxito nas eleccións municipais provocaría unha renovación de 20% dos deputados que conforman o arco parlamentario galego no Pazo do Hórreo: en total, son 15 de 75 os que se baterán na area local para tratar de facerse co bastón de mando dos seus respectivos concellos.

De acordo co regulamento da Cámara galega, os alcaldes e alcaldesas están nun suposto de inelixibilidade, e por tanto, chegado o caso, de incompatibilidade. Por tanto, aqueles parlamentarios e parlamentarias que consigan facerse coa Alcaldía deberán deixar a súa acta no Parlamento.

Até que isto ocorra, iso si, poderán compatibilizar o seu escano cos seus labores no ámbito local, onde serán protagonistas da campaña. No PP non é novo tirar da 'canteira' do Pazo do Hórreo para outros cargos, con numerosos casos de compaxinación da vida política na Cámara cunha concellaría ou mesmo sendo portavoz dun grupo municipal, como é o caso de José Manuel Rei Varela en Ferrol.

Rei Varela é un dos 11 deputados do Grupo Parlamentario Popular que tratará facerse co bastón de mando da súa localidade, na que xa foi alcalde no seu día. Mais no Pazo do Hórreo están outros dous candidatos do PP nas cidades: Elena Candia (Lugo) e Borja Verea (Santiago).

De feito, o PP é o grupo con maior porcentaxe de deputados e deputadas que concorren ás locais deste 2023 (25%). Ademais dos tres das cidades de Ferrol, Lugo e Santiago, tamén se presentan como cabezas de cartel Ovidio Rodeiro (en Boqueixón), Dani Vega (en Ribadeo), e Marta Nóvoa (San Cibrao das Viñas).

Tentará recuperar feudo do PP, agora en mans do PSOE, Vilalba (Lugo), a deputada Sandra Vázquez; mentres que Rubén Lourenzo concorrerá pola Alcaldía nun bastión nacionalista como Carballo. Á súa vez, Belén Cachafeiro presentarase en Forcarei, onde xa foi rexedora; igual que Belén Salido será cabeza de cartel en Monfero; e Fernándo Pérez, en Caldas de Reis.

Catro aspirantes á Alcaldía nas filas do BNG

O BNG tamén tirará do grupo parlamentario para a cita coas urnas do 28 de maio. Unha das elixidas é María Albert, que xa ten experiencia en xestión municipal tras un paso de dous anos pola Alcaldía da Rúa entre 2015 e 2017 (deixou o cargo en mans do PSdeG de acordo co pacto que selaran ambas as formacións) e agora volverá tentar conseguir o bastón de mando.

Tamén o parlamentario Manuel Lourenzo conseguiu un bo resultado en Soutomaior en 2019, aínda que non suficiente para gobernar, e volverá tentalo o próximo mes de maio; mentres que Carme Aira e Xosé Luís Rivas 'Mini', serán cabezas de cartel no Incio e Boimorto, respectivamente.

A forza nacionalista, ademais, tamén reforzará as súas candidaturas municipais con outras deputadas e deputados do seu grupo no Hórreo. Así, prevese que Rosana Pérez e Mercedes Queixas estean nos primeiros postos das listas da Pobra e da Coruña, mentres que Dani Pérez, Carmela González e Paulo Ríos irán nas de Carballo, Vigo e Moaña.

Ningún cabeza de cartel na bancada socialista

Finalmente, na bancada socialista, ningún dos actuais parlamentarios e parlamentarias competirá como candidato á Alcaldía. É máis, só unha dos 14 deputados cos que conta o PSdeG concorrerá en listas ás locais. É o caso de Paloma Castro, que ocupará o número catro da lista socialista á Alcaldía de Pontevedra.

Porén, o secretario xeral socialista e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ante a incógnita de se rematará sendo candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, postulouse esta semana para revalidar o bastón de mando nas Pontes.

Comentarios