O 20-D en Euskal Herria e Catalunya: sombras e luces do soberanismo

O resultado das eleccións do domingo deixan un novo mapa político tamén en territorios coma o vasco ou o catalán, que tiñan dinámicas e actores propios a respeito do que é norma no Estado.  

Acto público de EH-Bildu

Hai catro anos as forzas nacionalistas lograran en Euskal Herria 13 escanos dos 22 en xogo. As forzas de carácter estatal sumaban 9: 4 o PSOE (no País Vasco), 3 o PP (tamén na CAV) e 2 UPN (en Nafarroa). A representación soberanista naquela nutríase dos 7 deputados da esquerda abertzale (6 en País Vasco e 1 en Nafarroa), os 5 do PNV e o escano de Geroa-Bai. Deste 20-D saíu un mapa totalmente distinto. Agora son as forzas estatais quen levan a batuta da representación en Euskal Herria. Dos 22 escanos, 15 son para elas e fican 8 para os nacionalistas (6 PNV e 2 EH Bildu). Menos da metade. No País Vasco Podemos irrumpiu como un furacán, sendo a primeira forza en porcentaxe de votos (25,9%, o seu mellor resultado en todo o Estado) e segunda en escanos (5). Foi a forza máis votada en 34 concellos de Euskadi. EH Bildu gañou en 82 e o PNV en 122.

EH Bildu e a 'lóxica estatal'

Os resultados de Podemos, que derrotou amplamente EH Bildu mesmo naqueles feudos históricos da esquerda abertzale que mantiveron altas cotas de apoio ás súas marcas políticas nos anos máis duros do conflito, sorprenderon no independentismo. Os dirixentes abertzales apontaron a que “a lóxica estatal impúxose nestas eleccións” e consideran que debe haber “auto-crítica” e “reflexión”. Voces como a de Sabino Cuadra, ex-deputado por Nafarroa e que non revalidou escano, reclaman “volver a pisar rúa” e abandonar certa endogamia política. Hai tamén quen engade á hora de explicar os resultados manobras como a de meter con calzador por Gipuzkoa a un candidato que non logrou o apoio da militancia nas primarias para concorrer por Araba, o que xerou un enorme malestar nas bases. Máxime cando esa persoa manténen temas como o aborto ou matrimonio igualitario posturas nas antípodas do que é o posicionamento da esquerda abertzale. Outras voces lamentan a “excesiva institucionalización” da esquerda abertzale ou a “desconexión” con sectores da sociedade que non se moven xa nos parámetros que demonaron a política vasca nas últimas tres décadas.

O PNV sempre gaña

Nunca como agora tivo o PNV tanto poder político como agora: goberno vasco, as tres xuntas xerais (Gipuzkoa, Bizkaia, Araba) e as tres capitais (Donostia, Bilbo e Gasteiz). Ademais, en Nafarroa a presidencia, Uxue Barkos, é de Geroa Bai, coligazón da que fai parte o PNV. A isto engádese que pasa ter 6 deputados no Congreso fronte aos 5 obtidos hai catro anos. Na valoración dos resultados, o Euskadi Buru Batzar (órgano executivo) considera que fica claro que “somos a primeira forza vasca”, destacando que estas eleccións “abren un novo horizonte”. Un novo escenario no que xa anuncian que o centenario partido está “aberto ao diálogo co resto de partidos, sen excepcións”. Unha chiscadela a un PP que sabe que non lle sobran os amigos. Iso si, os nacionalistas xa advertiron na noite das eleccións de cal é a súa liña vermella: o recoñecemento de Euskadi como nación e o respecto polo Estado á decisión da súa cidadanía e institucións.

A ninguén se lle escapa que o PNV acolleu os resultados do 20-D coa vista posta no devir da política vasca. Esváese a posibilidade (que hai catro anos callara con forza) de que a esquerda abertzale poida darlle o 'sorpaso' nunhas autonómicas.

ERC e CiU, 472.000 votos menos que como 'Junts pel Si'

En Catalunya a vitoria foi para En Comú-Podem, con 12 deputados. ERC obtivo 9 e DL (Convergència), 8. Suman as forzas nacionalistas 17 asentos fronte os 19 que tiñan hai catro anos, cando CiU lograra 16 e Esquerra, 3. A CUP non concorreu ao 20-D e optou por se abster.

Agora, Esquerra e DL exploran a posibilidade de ter un único grupo no Congreso, 17 escanos. Ambas forzas, por separado, obtiveron neste 20-D 472.000 votos menos que lograron como 'Junts pel Si' o 27 de setembro nos comicios cataláns.

Dase a paradoxa de que os votos destas formacións soberanistas cataláns van ser decisivas para conformar goberno en Madrid. Teñen a chave para facer bascular un goberno cara o PP ou cara o PSOE, como destacan medios cataláns. Os medios estatais, porén, destacan que En Comú Podem se impuxo ao independentismo.

Comentarios