23 NO CONGRESO E 16 NO SENADO

2,7 millóns de galeg@s elixen este domingo os seus 39 representantes nas Cortes Xerais

Poderán exercer o sufraxio en 3.996 mesas dispostas en 2.483 colexios electorais nos 314 concellos de Galiza.

Voto eleccións

Un total de 2.705.846 galegos teñen dereito a votar nas eleccións xerais que decorren este domingo, 20 de decembro, o que supón 17.047 persoas máis que nos comicios de hai catro anos. Deses máis de dous millóns setecentos mil potenciais votantes, 82.531 poderán exercer este dereito por primeira vez ao estrearse no censo electoral ao cumprir 18 anos. Entregaron a súa solicitude de voto 53.650 galegos que viven noutros territorios do Estado español, o que supón 10.000 máis que os que o exerceron nas xerais de 2011 (44.128). Os emigrantes galegos con petición de voto por correo aceptada son 22.553, pouco máis do 5% do CERA (censo de residentes ausentes), en 2011 foran por volta de 33.000.

Para este xornada hai dispostas 3.996 mesas en 2.483 locais electorais nos 314 concellos galegos (un menos que en 2011 por mor da fusión de Oza e Cesuras). Un dispositivo de 7.064 persoas, informa a Sub-delegación de goberno, serán os encarregados de velar pola 'normalidade' da xornada.

Cada vez, menos deputad@s

As 2.705.846 persoas con dereito a voto no noso país elixirán 39 representantes nas Cortes españolas: 23 deputad@s e 16 senadores. Son catro asentos na Cámara alta (senado) e elexir por cada unha das provincias galegas. No que se refire a deputad@s, na Coruña escóllense 8, en Pontevedra 7, en Lugo 4 e en Ourense outros 4.

Nestas eleccións do 20 de decembro eleximos o menor número de deputad@s que representarán Galiza, 23. Nos primeiros comicios xerais após o franquismo escollíanse 27 asentos nas provincias galegas para o Congreso español. Desde aquela até agora perdemos 4 escanos, un por cada provincia, por mor da constante perda de poboación.

Hai catro anos

Nas eleccións xerais de 2011 votara o 71,7% do censo, 1.656.049 persoas; optando 651.456 por non facelo. Unha abstención, logo, de algo máis do 28 por cento. Naqueles comicios o Partido Popular obtivera 15 asentos no Congreso grazas a obter o 52,5% dos votos. O PSOE logrou 6 representantes no Congreso (27,6%) e o BNG, 2. O nacionalimo atinxira o 11,2% dos votos, sendo apoiados nas urnas por máis de 183.000 persoas.

Comentarios