venres 18/09/20

O 2 de outubro perfílase como a data en que poderían coincidir as eleccións galegas e as vascas

O lehendakari anunciará presumibelmente esta sexta feira a data para a realización das eleccións vascas. En 2009 e 2012 os comicios vascos e galegos coincidiron. Feijóo e Urkullu mantiveron recentemente unha reunión e o asunto estivo sobre a mesa.

Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Foto: Irene Pin
Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Foto: Irene Pin

Dúas son as datas que estaría a barallar preferentemente Íñigo Urkullu para convocar as eleccións ao Parlamento de Gasteitz: o último domingo de setembro, día 25, ou o primeiro de outubro, día 2. Se nos atemos ao dito esta quinta feira por Feijóo en rolda de imprensa após o consello da Xunta -dixo claramente que as eleccións galegas serían un domingo de outubro- e damos por bons os precedentes de 2009 e 2012, concluiremos que os comicios galegos terán lugar o 2 de outubro.

Hai outras dúas razóns poderosas que aconsellan a Feijóo a pór as eleccións o máis cedo posíbel. A primeira é o calendario xudicial vinculado á corrupción que ten o PP por diante. O día 4 comeza na Audiencia Nacional o xuízo pola Gürtel, a trama de corrupción e de financiamento irregular que salfire o partido e que ten unha clara conexión galega na persoa de Pablo Crespo, ex secretario de organización do partido na Galiza e figura chave na rede supostamente criminal.

Non parece que realizar mitins mentres testemuñan perante o xuíz os acusados da trama sexa o mellor contexto posíbel para Feijóo

Non parece que realizar mitins mentres testemuñan perante o xuíz os acusados da trama sexa o mellor contexto posíbel para Feijóo nunha campaña en que inevitabelmente terá de lidar coas fantasmas de Marcial Dorado e de Pachi Lucas, as amizades perigosas vinculadas ao narcotráfico e ao tráfego de influencias coas que ten tido relación no pasado.

Hai outro factor que empurra a Feijóo a pór as eleccións o 2 de outubro: a hipótese de as Mareas apresentaren como candidato o xuíz Luís Villares, persoa de indubidábel prestixio profisional mais virtualmente descoñecida pola opinión pública galega. Canto menos tempo teñan as Mareas para popularizar a súa figura, moito mellor para as opcións eleitorais do Partido Popular.

O pasado ten tamén o seu peso no que ten a ver coa coincidencia dos calendarios das eleccións vascas e galegas. Foron convocadas simultaneamente en 2009 (a iniciativa nese caso tomouna Touriño) e en 2012 (foi Euskadi quen as puxo primeiro no calendario). En 2012 Feijóo considerou que o máis razoábel era non encher a axenda de comicios e que o natural é que se realizasen ao mesmo tempo.

comentarios