2,7 millóns de galegas e galegos elexen este 25S os 75 escanos do Parlamento

Feijóo pediu durante a campaña ser eleito directamente polo eleitorado, para non depender do apoio de ningunha outra forza política. Mais non é posíbel. Non votamos presidente ou presidenta, votamos deputados e deputadas. É preciso ter o apoio mínimo de 38 escanos para acceder á chefia do Executivo galego.

Colexio eleitoral. Oleiros. Eleccións Galegas 2016
photo_camera Colexio eleitoral. Oleiros. Eleccións Galegas 2016

2.701.837 galegas e galegos están chamados a votar este 25S nas eleccións ao Parlamento da Galiza. Esa cifra descomponse en dous subconxuntos: os eleitores residentes na Galiza e os que moran fóra do país e figuran no CERA (Censo Residentes Ausentes). Son, respectivamente, 2.255.602 e 446.235.

Dos residentes no país un total de 78.712 teñen direito a votar por vez primeira, ao superaren os 18 anos.

A circunscrición nestas eleccións continúa a ser a provincial e o reparto de escanos é tal como segue: A Coruña, 25 escanos; Pontevedra, 22; Lugo, 14; Ourense, 14. A respeito de 2012 produciuse unha mudanza: por perda de populación, Lugo cedeu un escano á Coruña.

Nas anteriores eleccións galegas, outubro de 2012, o Partido Popular obtivo 41 parlamentares; o PSdeG, 18; AGE, 9; e o Bloque Nacionalista Galego, 7.

Comentarios