Pachi Vázquez pon data ás primarias do PSdG apelando ao consentimento de Madrid

Pachi Vázquez anunciou este sábado o calendario para a escolla da nova secretaría xeral do PSdeG-PSOE: 1 de xuño, consulta á militancia; 6 de xullo, congreso extraordinario
photo_camera [Imaxe: PSdG-PSOE]


Consulta á militancia o 1 de xuño e Congreso extraordinario, o 6 de xullo. Son as dúas datas que o secretario xeral do PSdG-PSOE, Pachi Vázquez, riscou en vermello durante un discurso pronunciado desde Compostela, mais coa cabeza en Ferraz. Malia que a Executiva de Madrid rexeita as primarias, na Galiza a proposta de Vázquez foi aprobada por unha maioría aplastante: de 300 dirixentes e cargos orgánicos que fan parte do partido na Galiza só houbo dous votos en contra e dez persoas, José Blanco entre elas, abstéronse.

Así as cousas, o político do Carballiño pediu que non se intente "tapar o sol coas mans". "Madrid ten que entender que" foi a construción que máis repetiu na comparecencia con que encetou o Comité nacional que a formación política celebra este sábado centrado nun obxectivo claro: "colocármonos de novo na senda de sermos o partido hexemónico da esquerda na Galiza e no Estado".

Que "ten que entender Madrid? Que "mal empezamos se facemos un canto á transparencia e despois lles dicimos aos nosos militantes que non poden escoller o seu secretario xeral". Malia as advertenzas da dirección do PSOE de que non admitiría as primarias, Pachi Vázquez insiste en realizar esa consulta, que conta co apoio de dirixentes como o presidente do partido na Galiza, López Orozco.

Reiterou Vázquez que a súa teima na consulta "cabe nos estatutos". Por conseguinte, "Madrid ten que entender" tamén que "somos o PSdG, mais tamén somos o Partido Socialista Obreiro Español". Explicou Vázquez ao secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, que "xuntos estamos ben" e colocou deseguido a súa intención de "escoitar a militancia" porque na Galiza existe "un clamor" na liña de "aumentar a participación das bases" e porque "un partido que non se move está condenado ao fracaso".

O que foi conselleiro de Medio Ambiente apelou unha e outra vez "á vontade de entendemento da Executiva en Madrid" e achegou ás e aos presentes propostas como limitar a un máximo de tres mandatos o tempo nun cargo público ou "ir a 600" compromisari@s no abano de posibilidades que oferecen os estatutos da formación, entre 400 e 600.

Dixo o secretario xeral do PSdG que "cando alguén abre camiño sempre atopa obstáculos", en referencia ao golpe na mesa que deron en Ferraz cando souberon das intencións do carballiñés. Porén, voltou insistir en que a consulta "ten cabida" nuns estatutos que só prevén a realización de primarias para a escolla d@s candidat@s aos procesos eleitorais, non d@s secretari@s xerais.

Subliñou que "veño aquí pedir apoio para unha data" (a do 6 de xullo, para refrendar a decisión da militancia adoptada o 1 de xuño) e mostrou o seu convencemento en que o que pretende el "acabarán por o facer todas as federacións e todos os partidos democráticos" pois cómpre "actualizar" un modelo de participación política "creado hai 35 anos".

Comentarios