Enfatizan a súa "aposta estratéxica pola soberanía"

164 persoas de distintos ámbitos da vida social lanzan un manifesto a prol das listas do BNG

As persoas asinantes son independentes e valorizan o "programa concreto e claro" do Bloque.

Bandeira da patria
photo_camera Bandeira da patria

Sob o título xenérico de Avante Galiza! un total de 164 persoas asinan un manifesto en que expresan o seu apoio ás candidaturas apresentadas polo Bloque Nacionalista Galego.

O grupo promotor do manifesto está formado por persoas independentes: "Fixémolo por iniciativa propia sen que houbera petición de parte. A nosa independencia partidaria e a non militancia orgánica non significa, porén, neutralidade en absoluto. Como o texto reflicte nidiamente facemos unha aposta concreta, por un programa e unhas candidatas e candidatos concretos, as e os do BNG", afirman no texto que lle fixeron chegar aos meios.

Unha moita ampla representación de distintos espazos da sociedade galega é a que se dá cita no manifesto en apoio das listas do Bloque Nacionalista Galego ao 25S.

O grupo promotor do manifesto está formado por persoas independentes: "A nosa independencia partidaria e a non militancia orgánica non significa, porén, neutralidade en absoluto"

Membros da plataforma de Emigrantes retornados como Daniel Canosa, vítimas do calote das preferentes como Antonia Cordero ou José Benito Alonso, sindicalistas como Alexandre Prieto, Inácio Martínez Otero ou Cristina López Fernández, deportistas como o treinador do Estrela Vermella de futebol gaélico Alexandre Sanmartín, xente das artes escénicas como Quico Cadaval, Tero Rodríguez ou Pirula Expósito ou músicos como Xurxo Souto, José Luís do Pilo Orjal ou Roberto Sobrado.

A lista abrangue tamén criadores de artes plásticas, Pepe Carreiro ou Avelino Castro, entre outros, profesores universitarios como Pilar Allegue, Carlos Quiroga, Margarita Ledo ou Francisco Salinas Portugal, escritores do prestixio de Xavier Docampo, Miro Villar, Anxos Sumai, Antón Riveiro Coello, Vítor Vaqueiro ou Francisco Salinas.

Hai representantes tamén do mundo do ensino -Pim Patinho, Mercedes Gato, Gloria Martínez...-, das editoras galegas -Francisco Pillado, Helena Pérez-, do estudo da lingua e da literatura de noso -nomes como Isaac Estravís, Montero Santalha, Monterroso Devesa- e tamén figuras de relevo do direito galego como Fernando Blanco ou Manuel Chao Dobarro.

Hai feministas -África Leira-, ecoloxistas -Adela Figueroa-, integrantes da ala máis progresista da Igrexa -Xaquín Campo Freire- economistas como Ramom López Suevos, sociólogos como Antonio Oca e Ramón Muñiz de las Cuevas, filósofos como Francisco Sampedro ou historiadores como Adolfo de Abel Vilela.

O mundo do asociacionismo está presente con nomes como Teresa Lastre ou María Xosé Rodríguez, o artesanato con Varo Caride, a hostelaría con Catuxa Irago ou a inmigración con Mame Lémou Faty Sambou.

UN MANIFESTO CON 4 PONTOS

Que aspectos das ofertas programáticas do BNG levan a estas persoas a se implicaren para demandar o apoio do eleitorado ás candidaturas da formación frentista? Sintetízanos en catro pontos deste manifesto. O primeiro, o feito de o BNG apresentar un programa "claro e concreto" que oferece "solucións posíbeis e adecuadas no contexto en que estamos a viver". E así salientan algunha das propostas: alargamento da democratización, reforzo dos servizos públicos, banca propia e pública, tarifa eléctrica galega, Banco de Terras, Facenda galega a meio dun concerto económico, sanidade e ensino públicos coa eliminación do financiamento á privada, cadro galego de relacións laborais, Plano Retorna para a "mocidade exilada", defensa da criatividade e da lingua, feminismo transversal e Estatuto de Vítima, criación dunha compañía galega de camiños de ferro, conservación da biodiversidade...

Avalían tamén "a certeza" de o BNG non permitir, nen por activa nen por pasiva, a continuidade do PP ao fronte do goberno da Xunta, ben como a "idoneidade das candidatas e dos candidatos" que apresenta o Bloque a esta contenda eleitoral con listas que, afirman, combinan "mocidade e experiencia".

Valorizan tamén como moi positiva a "a aposta estratéxica" que o BNG fai "pola soberanía como un horizonte posíbel e necesario". Un horizonte que, afirman as persoas asinantes do manifesto, "só a este suxeito político [polo pobo galego] compete e ante si mesmo responde". "Isto non ten a ver coa necesaria incorporación da Galiza en cantos espazos considerar conveniente. Galiza, célula de universalidade, saberá cumprir o seu papel no conxunto da Humanidade e achegará, como sempre fixo, o seu grao ao horizonte común de paz, liberdade, progreso e felicidade".

Na coda final do manifesto, expresan as persoas asinantes que "as amigas, os amigos, vense nos momentos comprometidos" e que "as nosas visións críticas, pasadas e presentes, coa organización á que manifestamos este apoio permanecen". Aliás, engaden, "é moito máis o que nos une, e tamén o que nos pode unir no futuro".

Conclúe o manifesto a proclamar que "hai un enorme traballo por facer e acumular ao xa feito, por unha inmensa maioría de militantes que ateigan os currunchos e as corredoiras da Nación. De nós depende. Galiza ten futuro!!!".

Nota de Sermos: na versión inicial desta noticia indicamos por erro que as persoas asinantes do manifesto eran 162. En realidade, son 164. Aliás, tamén se consignaba erroneamente que Maria Elisa Quintáns era integrante da plataforma de emigrantes retornados, o que non é certo. Si é, en todo caso, asinante do manifesto.

Comentarios