Programa electoral

Os 15 compromisos do BNG

Da AP9 á tarifa eléctrica galega, de novas transferencias a un financiamento xusto con Galiza ou o traslado de ENCE. O nacionalismo expón as prioridades que se propón defender no Congreso.

bng candidatura

O BNG presentou en Compostela o seu programa electoral para as eleccións do 28 de abril, un programa que sintetiza en 15 compromisos “cos galegos e coas galegas” para defender no Congreso de obter representación. “15 compromisos para frear a discriminación o noso país e garantir que non van gobernar as dereitas españolistas, para poñer sobre a mesa unha axenda a favor de Galiza que acabe co agravio das forzas estatais e para ser freo á recentralización política e a involución democrática, dúas caras da mesma moeda”, resumiu a portavoz nacional, Ana Pontón.

Nun escenario, dixo, sen maioría absolutas, no que cada voto conta, o voto ao BNG pode ser determinante para que Galiza sexa “decisiva”. “Témolo claro: inclinaremos a balanza do lado de Galiza e dos valores de progreso e das liberdades”, indicou Pontón.

Os 15 compromisos que asume o Bloque empezan pola defensa de Galiza como nación e do recoñecemento da plurinacionalidade do Estado. Propón unha negociación bilateral co Estado para o traspaso de competencias, con dúas prioridades: AP9 e tráfico e seguridade viaria. Outro compromiso é a tarifa eléctrica galega para reducir a factura da luz en 30% e unha tarifa electrointensiva para garantir o futuro de Alcoa, Ferroatlántica e de todos os empregos ameazados polo custe enerxético.

saneamento das rías e o traslado de ENCE forman parte do programa nacionalista, así como o pago da débeda de dependencia de 188 millóns de euros que o Estado ten con Galiza. En materia de financiamento está a defensa dun novo sistema de financiamento autonómico que, a través dun concerto económico, permita recadar a totalidade dos recursos, determinar o seu destino con plena autonomía de gasto e deseñar unha fiscalidade que cumpra o criterio de progresividade.

Tamén pide reclamar do estado un Plan plurianual de 2.000 millóns de euros ao longo da próxima lexislatura para “compensar a Galiza polos recortazos de PP e PSOE nas contas xerais”.

A modernización do transporte ferroviario, a devolución do patrimonio espoliado polo franquismo, como o Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as esculturas de Isaac e Abraham; e a promoción da lingua galega por parte das estruturas culturais e dos medios públicos estatais.

Comentarios