13X: xa están aquí os concellos nados do 24M

Este sábado constitúense as novas corporacións municipais coa investidura das alcaldesas e dos alcaldes saídos das urnas o pasado 24 de maio. 

Vidrieira do salón de plenos da Coruña
photo_camera Vidrieira do salón de plenos da Coruña

O voto de 1.500.499 galeg@s determinou o pasado 24 de maio importantes e significativos cambios na Galiza municipal. O PPdeG saíu dos comicios con 40 concellos menos onde gobernaba con maioría absoluta. Tiña 188 e mantén 148. Unha importante queda do 21%. O PSdeG, pola contra, aumentou o seu número de concellos onde vai gobernar con maioría absoluta. De 35 pasa a 47, 12 máis. O BNG tamén saíu do 24M con máis gobernos de maioría absoluta que hai catro anos. Daquela os votos déranlle a maioría absoluta en 11 concellos e o domingo 24M os e as electoras déronlle esa confianza en 13. Hai tamén varios concellos -sete- gobernados con maioría absoluta no epígrafe de ‘outros’. Aí están mareas como as de Manzaneda ou Val do Dubra, Vilar de Santos (Compromiso por Galicia) ou fenómenos ‘independentes’ como Independentes das Terras de Chantada (INTA) en Chantada.

Así pois, hai 215 concellos dos 314 que ten o país onde é doado saber quen vai ser o alcalde este sábado. Mais nos outros 99 concellos, naqueles municipios onde non hai maioría absoluta? Pois hai de todo un pouco. Hai onde vai gobernar a listaxe máis votada en solitario, noutros en coligazón; noutras a candidatura máis votada non vai ser quen goberne polos pactos doutros grupos, que suman máis votos e concelleir@s... Este sábado, son as sete principais cidades de Galiza as que centran a atención.

Vigo

Na cidade olívica non se prevé sorpresa algunha após a contundente maioría absoluta de Abel Caballero (17 concelleir@s), fronte aos 10 obtidos polos populares e @s 3 edís da Marea. É a maioría máis ampla entre as cidades do Estado e Vigo é a única das 7 cidades onde houbo unha maioría absoluta. Caballero xa prometeu máis do mesmo, algo lóxico á vista dos resultados do 24M. Así que, localismo e populismo, todo iso sazonado con moito personalismo.

Compostela

Martiño Noriega vai ser a partir deste 13 de xuño alcalde de Compostela. Os 10 concelleiros de Compostela Aberta -a lista máis votada, por diante do PP (9)- veranse apoiados polos 2 do BNG, que xa anunciou que ía respaldar a investidura de Noriega. O PSOE (4 edís) pasou esta semana ora dicendo que ía absterse, ora dicendo que ían votar por eles propios.

Canto ao goberno, os contactos mantidos estes días entre CA e BNG non callaron en resultados concretos, máis alá dun compromiso de seguir coas negociacións para ver a posibilidade dalgún tipo de pacto ou acordo de goberno.

Pontevedra

Fernández Lores (BNG) ergue hoxe, por quinta vez, o bastón de alcalde de Pontevedra. É o produto do seu incontestábel triunfo nas municipais, onde logrou 12 concelleir@s e ficou ás portas da maioría absoluta. O PSOE xa anunciou que votaría si á investidura do nacionalista, mentres que a Marea de Pontevedra informou de que ía votar non. Para a semana seguirán as reunións e xuntanzas cara á posibilidade de formar goberno.

Ourense

Todo aponta a que Jesús Vázquez, como candidato da listaxe máis votada (PP, 10 edís), vai ser o novo alcalde de Ourense, a única das grandes cidades galegas que van gobernar os populares. Até o último momento todos están pendentes de Democracia Ourensana e os seus 8 edís. O seu líder, González Jácome, optaba por un apoio do PSOE (6 representantes) para ser el o alcalde, algo ao que os socialistas se negaron por activa e por pasiva. Dixo que até última hora non ía desvelar o que facer, polo que Jesús Vázquez (PP, 10 edís), non as ten todas consigo. Ourense en Común (3 concelleir@s) votará o seu propio candidato.

Lugo

A demisión de López Orozco, que renuncia á súa acta no Concello após 16 anos como alcalde, abre as portas a un pacto de esquerdas para gobernar a cidade. A marcha do rexedor era a condición posta por Lugo en Común e o BNG para negociar. Lara Méndez, a nº2 da candidatura do PSOE, podería ser a primeira alcaldesa da cidade lucense grazas aos apoios de Lugo Novo (3 edís) e BNG (2), sumados aos propios socialistas (8).

O Partido Popular foi a forza máis votada (9 edís), mais sen apoio de abondo para, aínda que quixese pactar con Ciudadanos (2 concelleiros), ter a maioría absoluta. ACE-EU ten un representante na Corporación.

Ferrol

PSOE (5 edís) e BNG (2) xa anunciaron o seu apoio á investidura de Jorge Suárez como alcalde de Ferrol. O candidato de Ferrol en Común (6 concelleir@s) será pois o novo rexedor da cidade departamental, pois o PP, embora ser a lista máis votada, ficou en 11 edís e C’s, 1. A suma (12) non lle dá a maioría absoluta.

O BNG o que si anunciou é que non entraría a formar parte do goberno local, executivo que intentan conformar FeC e PSOE, para o que mantiveron varias xuntanzas, mais que finalizaron sen acordo.

A Coruña

Xulio Ferreiro, candidato de Marea Atlántica (10 edís), vai ter o apoio do PSOE (6) e BNG (1) para ser proclamado alcalde da Coruña. En principio, a idea de MA é gobernar en minoría, procurando apoios puntuais nas forzas da oposición.

Comentarios