12-X: a solicitude de voto por correo poderá facerse electronicamente a partir de hoxe

E até o 2 de xullo.
Vehículos de Correos diante da sede da empresa pública no centro da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Vehículos de Correos diante da sede da empresa pública no centro da Coruña (Foto: Nós Diario).

A solicitude de voto por correo para as próximas eleccións galegas do 12 de xullo pode facerse electronicamente desde hoxe, 8 de xuño, até o vindeiro 2 de xullo a través da páxina web de Correos.

Segundo especifica o operador de servizos postais e de paquetes nun comunicado, a solicitude pode realizarse mediante sinatura electrónica e mediante sistemas de identificación, como o certificado de persoa física recoñecido polo Goberno e o documento nacional de identidade electrónica (DNI-e) . Desta forma, afirman, búscase protexer a saúde das e dos electores e do persoal de Correos.

Adicionalmente, as e os electores poderán facer a súa solicitude de voto presencial nas oficinas de correos. Esta solicitude deberá ser cursada polo elector, agás no caso de enfermidade ou discapacidade que o impida e que estea acreditada por certificación médica oficial, o que permitirá que outra persoa autorizada poida realizar a solicitude.

Así, as e os electores deberán acreditara súa identidade no momento da solicitude na oficina de correos. O prazo para facer esta solicitude presencialmente tamén rematará o 2 de xullo.

Así mesmo, comprobarase a identidade do elector ou electora cando se entregue a documentación electoral do voto por correo á súa casa, que terá lugar a partir do 22 de xuño. Para iso comprobarase o DNI, pasaporte ou carné de conducir e anotarase o número do documento de identificación. Así, notificarase a recepción dos sobres e papeletas, aínda que non será necesario que o elector asine a entrega.

Ademais, o elector poderá entregar ao carteiro os sobres electorais completados, despois de que recibirá o xustificante de depósito do seu voto, o que lle impedirá pasar a unha oficina de correos.

Comentarios