domingo 19/09/21

12 anos sen transferencias e a Xunta só ve un "atraso"

Galiza leva sen conseguir novas transferencias desde que hai 12 Alberto Núñez Feixoo chegou á Xunta. Porén, o Goberno galego estima que "o ritmo" de transferencias só se "atrasou".

A comisión de Administración Xeral, reunida no Parlamento (Foto: Parlamento galego)
A comisión de Administración Xeral, reunida no Parlamento. (Foto: Parlamento da Galiza)

A pesar de que a Galiza leva sen conseguir ningún novo traspaso de competencias do Estado durante os 12 anos que Alberto Núñez Feixoo leva á fronte do Goberno galego, a Xunta considera que "o ritmo" de transferencias "retardouse" nos últimos anos, e apostila que esta situación afectou "todas" as comunidades autónomas. 

Así se expresou a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta, Blanca García-Señoráns, en resposta a unha pregunta formulada en comisión parlamentaria polo deputado do BNG Luís Bará, que afeou ao Goberno galego o "incumprimento" dun acordo da Cámara en 2020 sobre reclamación de competencias.

A directora xeral incidiu en que a Xunta ve "claro" que ten "prioridades" á hora de reclamar competencias ante o Estado, entre as que citou a transferencia da AP-9 (pendente de tramitación no Congreso) "porque é de xustiza para os galegos cando se están transferindo outras e liberando das peaxes", así como a xestión do dominio público marítimo terrestre.

García-Señoráns volveu incidir en que "o atraso de competencias" afectou "todas as comunidades", mais o certo é que tan só hai catro meses que Euskadi logrou catro novas competencias relativas á xestión de institucións penitenciarias.

Na pregunta parlamentaria, Bará instou a Xunta a reclamar a transferencia de competencias pendentes. Cualificou de “cinismo e hipocrisía” as palabras de Alberto Núñez Feixoo afirmando que a solución ao baleirado dos encoros sería a transferencia da competencia sobre as concas hidrográficas desde o Estado á Galiza. Neste sentido, o nacionalista preguntou que fixo o Goberno galego durante estes 12 anos, xa que Andalucía ten competencias sobre as súas concas desde o ano 2009. O deputado asegurou que o PP prefire "pór paus nas rodas” e non reclamar unha soa transferencia ao Estado, “Galiza no furgón de cola”.

Bará recordou que o BNG reclamou cumprir o acordo parlamentario para abrir o proceso de negociación das transferencias mais o PP, afirmou, “deixouno en papel mollado”.

Aliás, criticou o interese do PP por conseguir a transferencia de Costas, “polos abrazos” con Ence e agora mostran a súa faciana “máis hipócrita” ante o baleirado dos encoros pedindo a  transferencia das concas despois de 12 anos de “parálise e boicot”.

comentarios